O Banco de Alimentos segue necesitando uns 350 voluntarios para a Gran Recollida Solidaria

Cando falta menos de dúas semanas para a celebración da Gran Recollida Solidaria (GRS2018), no Banco de Alimentos aínda se necesitan 350 voluntarios que queiran regalar catro horas do seu tempo a favor das persoas máis desfavorecidas, os próximos 30 de novembro e 1 de decembro.

Localidades como Vigo, Pontevedra, Redondela, Moaña, Porriño, Mos e Val Miñor seguen sendo as zonas onde aínda faltan “mans xenerosas”. En concreto, Vigo e Pontevedra necesitan 100 voluntarios aínda en cada cidade; Redondela, 50; Val Miñor, 30; Moaña, 20; Porriño, 20; e, Mos, outros 20. Trátase de poder alcanzar os 2.000 voluntarios que se requiren para poder levar a cabo con éxito esta cita solidaria, a de maior envergadura para a ONG.

Para ser voluntario do Banco de Alimentos hai dúas maneiras de facelo, cubrindo un formulario colgado na web http://www.bancoalimentosvigo.org/formulario/ ou, tamén, pode chamarse ao 986 263 022 (Vigo)/986 865 301 (Pontevedra). Como en anos anteriores, o equipo de Voluntariado está a deseñar tamén unha lista de reserva de voluntarios co fin de poder dar resposta ás posibles baixas de última hora, previsibles, durante a GRS2018.

David Amor, anima a facerse voluntario

O padriño do Banco de Alimentos para a GRS2018, o actor, humorista e deportista, David Amor, que recibiu o peto de voluntario a pasada semana, está a animar a unirse “ao seu novo club, o do Banco de Alimentos”, a través deste vídeo:

GRS2018

Para que a GRS2018 poida desenvolverse con éxito requírese a colaboración de voluntarios en Vigo e Pontevedra, así como nas comarcas de Condado-Paradanta, O Morrazo, Val Miñor, Baixo Miño, O Salnés e Deza. O obxectivo deste ano é conseguir, polo menos, a cifra récord de 325.000 quilos de comida logrados en 2017 para poder abastecer de produtos básicos os dous almacéns cos que conta o Banco de Alimentos en Vigo e Pontevedra. Os 2.000 voluntarios que serán mobilizados os próximos 30 de novembro e 1 de decembro estarán distribuídos nunhas 155 superficies comerciais de toda a provincia.

Durante 2017, a Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu 1,9 millóns de quilos de comida e nos seis primeiros meses deste 2018, entregáronse xa preto de 1,2 millóns de quilos de comida. A entidade apolítica e aconfesional dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable. Na actualidade, entrega axuda a uns 150 colectivos sociais que, á súa vez, distribúena ás 25.000 persoas desfavorecidas.

Anuncios