Anuncios
Ticker de novas

Baiona, Gondomar e Nigrán participan na cuarta edición de “Mulleres en acción. Violencia Zero”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e á comisaria de “Mulleres en acción. Violencia Zero”, Paula Cabaleiro, presentou esta mañá a cuarta edición deste programa que terá un marcado carácter participativo. Silva enxalzou que esta iniciativa, xunto a outras moitas máis que a Deputación está a poñer en marcha, “nos está a converter na administración referencia na loita pola igualdade de toda Galicia e tamén de todo o Estado”.

“Mulleres en acción. Violencia Zero” cumpre catro anos “cheos de denuncia, de formación, de información, de percorrer toda a provincia de Pontevedra, as súas rúas, prazas e centros educativos a través de mulleres que coa súa arte transforman o mundo e moven á reflexión para cambiar as mentes e loitar contra as violencias machistas”, asegurou Silva. Deste xeito, o programa fomenta entre a cidadanía unha actitude crítica e reflexiva sobre a violencia machista ao tempo que promove e visibiliza a artistas e creadoras, realizando un achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos, incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.

A cuarta edición do programa, tal e como informou a presidenta, comezará o 23 de novembro en Vigo, ás 19.00 horas no salón de actos do Marco coa performance “Nosotras” de Nieves Correa. Correa, que é a protagonista da imaxe de “Mulleres en acción. Violencia Zero” deste ano, naceu en Madrid en 1960 e comezou na acción e perfomance a finais dos anos 80, participando activamente en encontros en Europa, América e Asia. Coa súa peza “Nosotras”, Correa, tal e como informou Silva, pretende facer reflexionar sobre o traballo non remunerado das mulleres nas economías desenvolvidas e ata que punto o noso nivel de benestar se sostería sen este traballo. Un traballo que suporía o 53% do PIB de España, o motor máis grande da economía deste país.

Pola súa banda, o programa continuará o 26 de novembro na Praza da Peregrina de Pontevedra, ás 12.00 horas, a través da acción escénica “Amor” de Helen Bertels, creadora, actriz, autora e artista alemá establecida en Santiago desde 1999. A súa acción escénica, que formar parte do proxecto “Agasállame un día da túa vida” recolle retratos en palabras e imaxes de mulleres.

Tras Vigo e Pontevedra e ao longo de 12 meses, “Mulleres en acción. Violencia Zero” seguirá noutros 23 concellos para estender a loita contra as violencias machistas. Deste xeito, desde este mes e ata novembro de 2019 terán lugar accións artísticas que comprenderán performances, poesía, narrativa, murais, música, graffiti, danza contemporánea e acción escénica, en Salceda de Caselas (“O xardín é de todas” de Iria Fafián en decembro), Ponteareas (“Corpus Interruptus” de Silvia Antolín en decembro), Vilaboa (“A palabra indómita” de Iolanda Zúñiga en xaneiro), Mos (“In mapa son” de María Move en xaneiro), Ponte Caldelas (“Efectos colaterais” de Concha Mayordomo en febreiro), Cambados (“O que segue” de Cristina Balboa en febreiro), Vilagarcía de Arousa (“Venus” de Luz Darriba en marzo), Barro (“P-persoa Ola 3” de Tersa Búa en marzo), Lalín (“Sofía” de Marta Pérez en abril), O Grove (“Non ser muller libre mentres haxa mulleres sometidas” de Rendi Nue en abril), Silleda (“A unión é vida” de Lidia Cao en maio), Tomiño (“Reforestando” de Doa Oa en maio), Poio (“Femininopural” a cargo de Silvia Penide en xuño), As Neves (“Future” de Vanesa Álvarez en xuño), A Illa de Arousa (“Guerreiras mandingas” de Konafro en xullo), Baiona (“Bailar agora” a cargo de Marta Alonso en xullo), Cangas (“Mulleres na lusofonía” a cargo de Sara de Sousa en agosto), A Guarda (“Rosa” por Nuria Sotelo en agosto), Forcarei (Estíbaliz Espinosa leva poesía, música e astronomía baixo o título de “7 constelacións que xa non son invisibles” en setembro), Gondomar (“Un xardín por (re)construír” de Diana Mera en setembro), Cuntis (Tabú” de Carmen Conde en outubro), Meis (“Regueifa 2.0” a cargo de Alba María e Lupe Blanco en outubro) e Nigrán (“Anástrofe”, de María Vallina en novembro).

Xunto a esta iniciativa, ao longo desta semana e de cara ao 25N a Deputación de Pontevedra está a liderar outras actuacións encamiñadas á eliminación da violencia e discriminación e á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Deste xeito, Carmela Silva informou que mañá, Día Internacional da Memoria Trans, terá lugar no Pazo provincial a estrea da curta “Sorrisos Transformadores”, a inauguración do banco “Trans” e a lectura dun manifesto nos xardíns do Pazo da Deputación. Tamén mañá en Cuntis se inaugurará a exposición “Sorrisos transformadores” no CPI Aurelio Marcelino Rey García, ás 15.30 horas.

O mércores desenvolverase a terceira edición do “Módulo de sensibilización en Igualdade”, que imparte Mercedes Renda na Escola de Enfermería de Pontevedra. Ese mesmo día tamén no Rosal se inaugurará a exposición “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” e en Moaña “Rompe. Xoga en igualdade”. E, en Vigo, terá lugar unha conferencia protagonizada por Amelia Valcárcel no marco da Escola de Igualdade María Vinyals baixo o título #TimesUp #Stop #violenciamachista.

Desde o mércores e ata o 28 de novembro terá lugar a xira de “Mulleres que mudan o mundo” na que dúas activistas guatemaltecas, Juventina López e Manuela Xocol, percorrerán Pontevedra, Vigo, Moaña, Caldas e O Grove para pórlle rostro e voz á loita destas mulleres lideresas polo cambio nos países en desenvolvemento.

A presidenta da Deputación tamén informou que dende a noite do venres 23 e ata o luns 26 de novembro o Pazo provincial da Deputación iluminarase de cor violeta, como manifestación do compromiso da institución coa loita contra as violencias machistas. Amais, a administración provincial tamén está adherida á campaña “En negro contra as violencias” e o vindeiro luns participará na inauguración da mostra na UNED de Pontevedra relativa ás “Mulleres científicas: a evidencia das súas investigacións”.

Pola súa banda a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, amosou a súa satisfacción pola cuarta edición de “Mulleres en acción. Violencia Zero” que permite visibilizar ás mulleres maltratadas e darlle voz para erradicar as violencias machistas. Amais, a deputada provincial tamén aproveitou a ocasión para agradecer a implicación dos concellos, dos CIM, dos medios de comunicación, dos centros educativos nesta iniciativa.

A comisaria do programa, Paula Cabaleiro, agadeceu á Deputación de Pontevedra o impulso outorgado a “Mulleres en acción. Violencia Zero” “que ao tempo que reivindica a loita contra as violencias machistas reivindica o papel da muller creadora”. Neste eido, Cabaleiro enxalzou os “grandes nomes” da cultura que están a participar en “Mulleres en acción. Violencia Zero” “que tanto nos fan sentir e reflexionar”.

Ao longo dos catro anos de “Mulleres en acción. Violencia Zero” participaron no programa de xeito activo 75 creadoras que puxeron en marcha 60 accións artísticas para estender o compromiso coa igualdade e coa loita contra as violencias machistas ao longo da provincia.

Anuncios