Anuncios
Ticker de novas

Xa son máis de 390.000 as galegas e galegos que se vacinaron contra a gripe

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Jesús Vázquez Almuiña vacínase contra a gripe no Centro de Saúde de Baiona.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acudiu na mañá deste venres a vacinarse da gripe no Centro de Saúde de Baiona, dentro da campaña de vacinación que está a levar a cabo o seu departamento para protexerse contra esta enfermidade. Na actualidade, xa procederon a vacinarse un total de 392.977 galegas e galegos, o que supón 19.870 máis que na mesma data do ano anterior.

Dende Sanidade lémbrase que a vacina é a mellor forma para protexerse fronte a gripe e evitar as complicacións asociadas á mesma. As galegas e galegos que aínda non se vacinaron poden facelo ata finais do mes de decembro, data na que remata a campaña.

Galicia conta con 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade: centros de saúde e hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados, residencias da 3ª idade e outros centros con residentes susceptibles de beneficiarse desta vacinación, coma centros penitenciarios, entre outros.

A Consellería de Sanidade oferta a vacinación a todas as persoas de 60 ou máis anos e aos menores desa idade pertencentes aos grupos de risco (con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, renais, endocrinas…, con cancro ou outras inmunodeficiencias, con obesidade mórbida, con disfunción cognitiva…). Tamén entran nos grupos de risco os que conviven coas persoas antes mencionadas, o persoal sanitario e os traballadores esenciais para a comunidade.

2018-11-17 - image_gallery

Anuncios