Anuncios
Ticker de novas

Triunfo importante do Cereixa ante o Redondela

Triunfo importante do Cereixa Gondomar FS, que avanza con paso firme na liga autonómica sur. Era unha partido “trampa” ante un bo conxunto de futsal que sempre lles puxo as cousas difíciles. Con todo, hoxe os dirixidos por Rafael Troncoso e Nacho Troncoso raiaron a un gran nivel e varreron da pista ao equipo visitante.

O local abriu a lata pasados uns cantos minutos do inicio cun gran dereitazo de Rubén (1-0). Case a continuación, Luca roubaba un balón para plantarse diante do porteiro e non perdoar: 2-0. O visitante estaba a sufrir porque non podía conter a avalancha de xogo dos de Vincios e antes do descanso, Álex Cabral e Luca estiraban a vantaxe ata o 4-0.

Descanso e partido tremendamente controlado polo local que puido irse cun tanto máis no seu haber se Hugo atopase portería nun dobre penalti axustado que o porteiro desviou a córner. O Cereixa Gondomar FS era dono e señor absoluto do partido e a súa pegada na faceta ofensiva desnivelara o electrónico.

No complemento, o Redondela saíu a buscar o desconto e dispuxo dalgunha ocasión que obrigou á defensa local a apertar os dentes. O momento do visitante no encontro pasou e outra vez Álex Cabral aparecía por banda esquerda para ampliar a vantaxe (5-0). A resposta do Redondela non se fixo esperar e con 8 minutos por xogar, o porteiro xogador apareceu en escena para recortar diferenzas. Con todo, case no primeiro roubo, Rubén conectaba portería subindo ao electrónico o sexto (6-0). Non cesou o visitante no seu empeño pero outro roubo en defensa daba a Gabriel Denis Vasconcellos a oportunidade de marcar o 7-0.

De aí e ata o final, o Redondela xogou con cinco faltas e coa sombra do dobre penalti que Esteban non desaproveitou ao chegar a sexta (8-0). Final e a sensación de facer un partido moi serio que permite aos de Vincios seguir nos postos altos da clasificación.

Anuncios