Novo derbi do Vincios co Visit Pontevedra

Este venres, ás 18:00 horas no ximnasio do IES Terra de Turonio, celebrarase un novo derbi na Superdivisión entre o Vincios e o Visit Pontevedra, dentro da máxima categoría do tenis de mesa nacional.

O Vincios vén de disputar a pasada xornada dous encontros, o primeiro en casa contra o Burgos (partido aprazado por convocatorias da selección española), que se saldou cun empate 3-3, e o segundo en Santiago contra o Arteal, con derrota por 4-2, co que se sitúa en oitava posición da clasificación con 5 puntos. O Visit Pontevedra é noveno con catro puntos, tras a celebración das 5 primeiras xornadas.

Prevese un encontro moi disputado dado o similar potencial dos dous equipos. O Vincios xogará coa súa nova fichaxe, o xogador ruso ViacheslavKrivosheev, o xogador portugués Diogo Silva e o gondomarés Martín Pintos, mentres o Visit Pontevedra contará cos xogadores arxentinos Horacio Cifuentes e Nicolás Galvano e o pontevedrés Nacho Fernández.

Os dous equipos están necesitados dos puntos para non entrar na zona perigosa da táboa clasificatoria.