Sin categoría

Manifesto Miñor denuncia escaseza de alimentos nos comedores escolares de Gondomar

Manifesto Miñor denuncia o descontrol existente nos comedores escolares de Gondomar, que segundo a ex concelleira de Benestar Social, Rocío Cambra, están “sen comida ou con comida escasa”, e cos lavalouzas sen usar, segundo afirma, pola desidia do goberno de Paco Ferreira. A edil asegura que hai uns días os alumnos de 4º,5º e 6º do Colexio Chano Piñeiro quedaron sen o segundo prato de comida, porque non se lle subministrou o alimento necesario dende a empresa concesionaria do servizo.

“O feito de que Manifesto Miñor fósemos expulsados do goberno municipal, non nos impide facer un seguimento permanente deste importante servizo social, complementario do dereito á educación e favorecedor da conciliación laboral e familiar”, sinala Rocío Cambra. “Nas últimas semanas detectamos que tamén noutros centros de ensino de Gondomar se está a recortar o subministro da cantidade de alimentos que se asigna aos alumnos nos comedores escolares, que en ocasións chega a ser escaso”. Alertan e instan ao novo responsable do Departamento de Benestar Social, Paco Ferreira, a que faga un seguimento puntual e constante das empresas “para evitar que ningún alumno/a do noso concello quede a medio comer, ou que a comida escasee”.

Lavalouzas sen uso

Para a ex concelleira de Benestar Social taménresulta incomprensibleque despois do esforzo realizado para que todos os centros escolares con comedor tivesen un lavalouzas, a día de hoxe estean todos parados e sen servizo activo. Explica que esta mellora implicaba unha maior hixiene da louza onde diariamente se sirve a comida dos nenos, así como o seguimento e a supervisión permanente da hixiene dos comedores escolares, polas persoas que coidan da alimentación dos alumnos/as dos centros. Tamén implicaba que o persoal que atende as comidas tivese unha maior carga horaria de traballo. Así estaba contemplado nos acordos establecidos coas empresas que proporcionan as comidas. “Unha simple reunión coas mesmas para explicar o funcionamento dos lavalouzas sería suficiente para botalos a andar, pois resulta que nin iso, ata aí chega a desidia do Sr. Alcalde para o cal a educación e benestar dos nenos, e a conciliación familiar non lle importan nada, preferindo ter este importante servizo bloqueado ata o día de hoxe”, conclúe Rocío Cambra.