Manifesto Miñor acudirá á Valedora do Pobo pola vulneración do seu dereito ao acceso á información

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Os tres concelleiros de Manifesto Miñor nunha sesión plenaria.

Manifesto Miñor solicitará amparo á Valedora do Pobo pola reiterada vulneración do seu dereito ao acceso á información no Concello de Gondomar. Denuncian que en menos de 15 días o grupo político vén sendo obxecto dunha planificada denegación de información por parte do rexedor local.

“Primeiro foi no acceso á documentación do último pleno, onde nos deron acceso no último momento, cando xa remataran os prazos legais, e impedindo que puidésemos estudar os temas que eran sometidos a pleno. Por tal motivo, estamos en trámite de recorrer a convocatoria, e en consecuencia, dos acordos que no último pleno se adoitaron”, sinala Xosé Antón Araúxo.

“Agora volve a acontecer. Trátase do acceso á información e documentación relativa ao polémico acordo de adxudicar o contrato do lixo, a unha empresa que presentou unha oferta, con características de baixa temeraria, segundo a lei de contratos públicos, e que pode ser un foco de problemas legais para o noso concello, con graves consecuencias económicas”, engade Araúxo.

Solicitaron a documentación o día 2 de novembro, e tería que serlles entregada, como máis tarde, logo de cinco días hábiles. Por tanto o pasado luns cumpriuse o prazo máximo que fixa a lei, e a día de hoxe aínda a alcaldía ten bloqueado o seu acceso á documentación. “Onte mesmo presentamos un escrito de queixa no rexistro por este atropelo”, afirma o concelleiro de Manifesto Miñor.

“Nun concello que queremos áxil e transparente, non pode haber comportamentos escuros, caprichosos e saltando os dereitos dos representantes da vontade popular, que teñen a obriga de fiscalizar as decisións tomadas, estudar se se axustan a dereito e se son favorables aos intereses da maioría social. Por todo o exposto, vamos solicitar de inmediato, o amparo da Valedora do Pobo, para requira ao rexedor local a que cumpra coa lei, e dea o acceso a documentación, á que como concelleiros temos dereito”, conclúe Xosé Antón Araúxo.