Sin categoría

“Los Moya, un amor entre hermanos”, primeiro libro do baionés Brais Cedeira

Tras completar unha campaña de crowdfunding, o baionés Brais Cereira publica o seu primeiro libro, “Los Moya, un amor entre hermanos”, no que aborda unha historia de amor que rompe con todos os convencionalismos, coa propia natureza e coa lei.

Daniel e Rosa María non só comparten vida, fillos e corenta anos de relación. Teñen en común algo moito máis duro se cabe: o seu propio sangue. Ambos son irmáns, parella e pais de dous nenos. Separados de pequenos polo divorcio dos seus pais, a casualidade da vida quixo que anos despois volvesen verse as caras. Namoráronse como se namoran os mozos de 17 anos, rápido e amodo ao mesmo tempo. Ao tempo, comparando os seus carnés de identidade, descubriron o segredo. Tras moitas dúbidas, coa oposición familiar e coa presión social encima, decidiron saír adiante.

Froito do seu amor naceron Iván e Cristina, 23 e 31 anos, respectivamente. Eles son os Moya Pena, unha parella cun amor a proba de bombas, por encima de barreiras legais e biolóxicas. Desde entón, non decidiron esconderse. As televisións e os medios de todo o mundo levan anos e anos interesándose na súa historia. Nunca se ocultaron. Nunca se arrepentiron.

“Rosa e Daniel dixéronme que facía xa tempo que non desempoaban os recordos máis antigos desa relación, as orixes de algo en aparencia imposible. Neste libro indagan no máis profundo da súa historia, na difícil aceptación social, na atención mediática e nas raíces dun amor sen barreiras. Ninguén lles convenceu do contrario”, sinala Brais.

“O incesto é un tabú moi presente ao longo de séculos e séculos. A pesar diso, foi un tema ao que se lle prestou moita atención, histórica e literariamente. Neste libro tratamos de abordar unha relación de dous irmáns namorados e que na actualidade son parella de feito co fin de entender e comprender este fenómeno. O tabú continúa hoxe en día. É, por tanto, un feito extraordinario”, conclúe o mozo baionés.

Brais Cedeira Comesaña (Baiona, 1993) é graduado en Historia e Xornalismo pola Universidade de Navarra. Alí aprendeu a andar no mundo do xornalismo. Empezou fai tres anos en La Voz de Galicia. Agora traballa na sección de Reportaxes do Español. Alí trata todo tipo de historias: precariedade laboral, exclusión social, estafas, saúde, sociedade, pobreza, o mundo das seitas, violencia de xénero…

LOS MOYA