A Garda Civil investiga penalmente por un presunto delito de malos tratos animais ao dono dunha cadela rescatada na rúa en avanzado estado de desnutrición.
As actuacións levadas a cabo polo Posto da Garda Civil de Gondomar iniciáronse por mor da denuncia formulada pola directiva dunha protectora de animais da zona, informando do mal estado hixiénico e sanitario dunha cadela que atoparan abandonada na vía pública.
Segundo o informe facultativo da clínica veterinaria que lle prestou os primeiros auxilios, a cadela, presentaba unha delgadez extrema, sufría un grave menoscabo da súa saúde compatible cunha alimentación inadecuada, tiña unha úlcera nun ollo e estaba parasitada externamente por pulgas.
O centro de acollida CAAN, da Deputación Provincial, fíxose cargo do animal, que se atopa actualmente baixo a custodia e coidados da protectora que o atopaba, onde se recupera satisfactoriamente.
Pola súa banda, a Garda Civil notificoulle ao propietario da cadela a súa condición penal de investigado como suposto autor dun delito de malos tratos animais.
Protección penal dos animais
A Garda Civil lembra que o artigo 337 do Código penal, sobre malos tratos animais, contempla que pode ser constitutivo de delito os malos tratos dun animal ao que se lle cause a morte ou lesións graves; os malos tratos crueis, independentemente de que haxa ou non morte ou lesións do animal; a explotación sexual dos animais ou o seu abandono.
Ademais da pena de prisión, os maltratadores poderán ser inhabilitados, non só para traballar con animais, senón para a súa tenencia con carácter xeral.


