Anuncios
Ticker de novas

O CB Nigrán comparte o seu premio ao deporte 2018

A Directiva do CB Nigrán quere compartir o premio ao deporte que lle foi concedido por parte do Concello de Nigrán con todas as persoas e institucións que creron neles desde un principio e que apostaron polo deporte de formación para todas e todos, a través de valores como a amizade, o compañeirismo, o respecto, a empatía e a igualdade.

No ano 1988, o deporte da canastra contaba cunha notable participación de nenos e nenas nos colexios e parques de Nigrán. Foi entón cando un grupo de persoas, baixo a dirección do seu primeiro presidente, Manuel Simón, puxo en marcha este proxecto, conseguindo un gran número de xogadoras e xogadores nun curto espazo de tempo. Pronto chegaron os trofeos de liga e as copas gañadas, comezaron a facer concentracións con outros clubs levando o nome de Nigrán a cidades tan importantes como Estepona ou Marbella.

Despois duns anos de parón, no ano 2014, un grupo de nais e pais decidiron retomar este proxecto coa mesma ilusión e os mesmos valores. Os comezos foron duros, pois empezaron de cero, sen fondos, sen pistas e sen material para traballar.

Por iso o CB Nigrán quere acordarse de todas esas persoas que traballaron duro para volver poñer en marcha este proxecto. Dos seus patrocinadores e das pequenas e medianas empresas de Nigrán que colaboran na realización de diferentes actividades, das entidades que fan posible a realización dos seus torneos solidarios, o Centro Juan María de Nigrán, o club baloncesto AMFIV de Vigo, a Federación Galega de Baloncesto, Caixabank (Obra Social laCaixa), o Concello de Nigrán, a Xunta e a Deputación.

Queren acordarse tamén dos colexios de Nigrán que desde un principio déronlles o seu apoio, o colexio Cruz Camos, Carlos Casares de Vilariño, Humberto Juanes, Mallón e o CPI de Panxón, onde adestran e xogan xunto ao Pavillón Municipal todas as semanas.

E unha das mencións especiais queren que sexa para un colexio, que sen ser de Nigrán, abriulles as súas portas para adestrar e xogar sobre todo o primeiro ano, cando non contaban con pistas en Nigrán. Desde o Club afirman que sen a axuda dese centro educativo, non estaría clara a supervivencia do CB Nigrán. Trátase do colexio Divino Salvador de Coruxo-Vigo ao que estarán sempre agradecidos.

E por suposto o CB Nigrán non quere esquecerse das familias, que confiaron neste proxecto e do excelente traballo que realizan os seus adestradores e adestradoras que baixo a experta dirección da súa Directora Deportiva, Nuria Gómez, columna vertebral e creadora deste proxecto, baseado no apoio incondicional ao deporte base e á integración de valores a través da formación.

Este galardón foi outra excelente noticia para o CB Nigrán nun ano no que están a obter os mellores resultados deportivos deste últimos catro anos, o que atesoura o bo traballo realizado e dálles forzas para continuar con máis ganas se cabe.

Anuncios