Anuncios
Ticker de novas

Nigrán celebra este sábado o seu primeiro magosto inclusivo

O Concello de Nigrán celebra este sábado nas antigas escolas de Balinfra (Camos) o seu primeiro magosto inclusivo, evento organizado xunto ao Centro Juan María e a asociación Vai Millor, que estrea neste día o seu novo local cedido polo Concello. A xornada comezará ás 16:00 horas con obradoiros cooperativos de cestería, fío e lá, coiro e cerámica, todos eles obradoiros dirixidos dende Vai Millor, asociación que ten como propósito a divulgación e recuperación dos oficios tradicionais dende unha perspectiva de lecer e inclusiva. Ás 18:00 horas será o propio magosto con Voltereta e Volvoreta e, paralelamente, haberá improvisación teatral, clases de tai-chi, debuxos con area e animación musical. A xornada pecharase cun espectáculo de lume a cargo de Asacocirco.

“Este magosto é tamén unha festa de presentación de Vai Millor, entidade á que o Concello de Nigrán vén de ceder unha das dúas escolas de Balinfra co obxectivo de que desenvolvan nela as súas actividades e complementen ao mesmo tempo as posibilidades de ocio e aprendizaxe dos rapaces do Centro Juan María que residen nunha das antigas casas dos mestres os fins de semana”, explica o alcalde, Juan González.

O Concello de Nigrán transformou no 2017 unha das antigas casas dos mestres en Balinfra (Camos) en vivenda de respiro familiar e de autonomía para os usuarios do Centro de Educación Especial Juan María (Parada). Ao mesmo tempo, investiu máis de 40.000 euros en rehabilitar de xeito integral o parque onde se atopa esta casa. Agora, a cesión dunha das dúas escolas para Vai Millor (a outra xa a emprega o Centro Juan María) supón o culme deste proxecto encadrado na política de goberno “Un Nigrán para todos”.

“Transformamos un recinto en desuso nun verdadeiro no lugar de ocio e de lecer que mellor simboliza o noso proxecto global de ‘Un Nigrán para todos'”, conclúe o rexedor, Juan González.

Anuncios