Anuncios
Ticker de novas

O PP acusa a Paco Ferreira de mentir e apropiarse dun logro dos veciños de Vincios

FOTO: PP GONDOMAR // A presidenta e o secretario de política municipal do PP, con veciños da Fraga na parada do Vitrasa.

A presidenta do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, acusa ao alcalde Paco Ferreira de mentireiro e pide a súa dimisión por facer como propio o logro de dous veciños de Vincios de acercar o Vitrasa á entrada do barrio da Fraga. Nunha visita que vén de facer a presidenta do Partido Popular de Gondomar ao barrio da Fraga en Vincios, Miguel Martínez e Eugenio Lorenzo, explicáronlle cales foron os pasos que deron para conseguir esta parada do Vitrasa.

“Hai un mes, e aproveitando que a concelleira de Transportes de Vigo reside preto das nosas casas, pedímoslle unha cita para tratar de conseguir que o Vitrasa puxera unha parada na entrada do barrio. Días despois a concelleira nos recibiu no seu despacho do Concello de Vigo, cousa que lle agradecemos, e tivemos a oportunidade de exporlle as nosas demandas e os beneficios, non só para os veciños da Fraga senón tamén para o resto dos veciños de Valadares, si se facían unha serie de cambios na ruta do Vitrasa, e aproveitando se puña unha parada no bar Costiñas. Á concelleira Ángeles Marra pareceulle unha moi boa idea e nos dixo que case con toda seguridade ía poñer a parada que demandábamos”, explica Miguel Martínez, un dos veciños.

“Cal é a nosa sorpresa, cando vemos nas redes sociais ao alcalde de Gondomar anunciando como propio o logro de poñer a parada na entrada do noso barrio, cando nin tan sequera moveu un dedo neste asunto, nin é capaz de resolver o problema do transporte de Gondomar con Vigo. Este home só sabe vender fume”, seguía dicindo Miguel Martínez.

Paula Bouzós agradece a estes dous veciños o seu logro e os felicita pola súa constancia e perseveranza en conseguir melloras para o seu barrio. Neste caso conseguiron acercar o Vitrasa ao seu barrio, aínda que en territorio de Vigo, tal e como se encargaron de puntualizar os veciños presentes, xa que o Vitrasa en ningún momento entra en terreo de Gondomar, “ao contrario do que afirmou o alcalde”.

Cabe recordar que Paco Ferreira anunciou na prensa e nas redes sociais que o Vitrasa xa chegaba a Gondomar e que mais de 3.000 veciños se ían beneficiar deste logro seu. “Non é a primeira vez que Paco minte e os veciños xa o van coñecendo, a súa palabra cada vez ten menos valor. Vennos á memoria cando nun pleno dixo “ Xa verá como os falsos teitos están. Se non están en setembro dimito, como xa levo dito vinte veces aquí. E cando dou unha palabra cumpro, vale!” en referencia aos falsos teitos do colexio de Vincios que non fixo no prazo que prometeu e tampouco dimitiu, faltando á súa palabra”.

“Non se pode estar constantemente enganando aos veciños, e tratar de vender fume para tapar as súas carencias. Agora que se achegan as eleccións parece que se pon mais nervioso e xa lle vale calquera cousa para poder quitar noticias, aínda que sexa apropiándose do traballo alleo, o que demostra unha vez mais a súa nula capacidade de xestión e traballo”, apunta a presidenta do PP de Gondomar.

“Gondomar non se merece un alcalde sen escrúpulos, que se apropia do traballo dos demais e que minta tan descaradamente aos seus veciños. Por todo isto, pídolle a súa dimisión”, remata dicindo Paula Bouzós.

Anuncios