
O IEM iniciou este sábado a I Semana poética Victoriano Taibo, que encherá de versos a vila de Gondomar, unha festa poética que terá un fermoso ramo o día 17 coa entrega do premio desta décimo primeira edición a Laura Ramos Cuba.
Esta celebración poética comezou cun Slam poético no Café Rañolas, un recital aberto no que participaron nove poetas co único requisito de que os textos que recitara, dous, foran de autoría propia e estiveran na nosa lingua. Un xurado escollido entre o público asistente seleccionou ao gañador ou gañadora da noite, Montserrat Copa Arias.
Cada participante dispuxo dun máximo de 3 minutos para recitar o seu texto coa única axudada súa voz, o seu corpo e, cando foi necesario, do seu texto. Nin música nin outro tipo de atrezzo. Houbo primeira rolda na que foron seleccionados Marcos de la Fuente, Montserrat Copa e Soledad García. Na rolda final estas tres persoas recitaron novos poemas da súa autoría resultando gañadora Montserrat Copa Arias.
O luns día 12 a poesía tomará os balcóns e as fachadas de Gondomar, ondeando os seus versos en lonas que reproducirán, entre outros, poemas de autores premiados co Victoriano Taibo. Nesa semana repartiranse tamén entre 14 establecementos hostaleiros manteis ilustrados con poemas.
E no medio da semana, nun lugar céntrico e frecuentado, podermos gozar dunha sorpresa poético-musical que non poderá ser máis anunciada para que, efectivamente, sexa unha sorpresa. E así chegaremos ao sábado 17, data de entrega do XI Premio Victoriano Taibo.
A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, amenizará o acto en que a autora recibirá o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recitará algúns poemas da súa obra. No acto tamén intervirá o director do IEM, Xulián Maure. Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal a autora asinará libros para quen o desexe.
O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo.