A Xunta licita a renovación integral do firme en máis de 30 quilómetros da estrada autonómica PO-552

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, licitou hoxe as obras de renovación e reparación integral do firme da estrada autonómica PO-552 en máis de 30 quilómetros do seu percorrido e dun pequeno treito da PO-325, ao seu paso polos concellos de Oia, A Guarda, O Rosal, Vigo, Nigrán e Baiona, cun orzamento de 1,8 M€.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mellora nunha visita a esta vía autonómica no miradoiro de Tío Rincho, no Concello de Oia, na compaña da alcaldesa, Cristina Correa. O representante autonómico explicou que esta actuación “é necesaria, xa que a pavimentación foise deteriorando pola carga de tráfico, o paso do tempo e os efectos da climatoloxía e por iso dende a Xunta imos actuar de inmediato para tentar que estea rematada neste ano”.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 19 de abril para presentar as súas ofertas.

A actuación de reforzo de firme realizarase ao longo de 30,4 quilómetros desta estrada co obxectivo de mellorar a súa seguridade viaria e as condicións de condución e circulatorias, beneficiando aos 345.000 veciños dos seis concellos afectados que a empregan de xeito habitual.

Deste modo, proponse unha actuación diferenciada, segundo o estado do firme nas diversas zonas, e que beneficiará principalmente ao termo municipal de Oia, xa que renovarase a súa senda peonil. Polo demais, nos treitos entre os puntos quilométricos 0+100 e 1+730, 2+380 e 2+950, e 17+040 e 44+400 procederase ao fresado do firme e á reposición da calzada coa correspondente rega de adherencia.

Carril-bici entre Baiona e A Guarda

Paralelamente, repoñerase o revestimento rugoso do carril-bici existente con capas de resina sintécticas e pintarase de novo no treito entre Baiona e A Guarda para que recupere a súa cor orixinal e, ao mesmo tempo, demoleranse os treitos de beirarrúas en mal estado para a súa reconstrución.

Xa na PO-325, actuarase entre os puntos 9+670 e 9+760 e 15+000 ata 15+800 con fresados e reposición do pavimento e, ao igual que na PO-552, procederase ao pintado de todas as marcas viais horizontais e das zonas cebreadas.

Luis López avanzou que a obra, que conta cun prazo de execución de catro meses, comezará este verán tras a correspondente tramitación. Destacou “o elevado grao de compromiso da Xunta de Galicia coas infraestruturas, que están a recibir uns fortes investimentos en toda a provincia para mantelas nas mellores condicións que, no caso do Baixo Miño e Vigo, vanse plasmar nesta conexión entre a cidade e A Guarda ao seu paso pola costa para favorecer a mobilidade entre seis concellos cunha elevada relación e mobilidade”.