Anuncios
Ticker de novas

Triunfo do Cereixa nunha das pistas máis complicadas da categoría

Triunfo importante do conxunto de Vincios nunha das pistas máis complicadas da categoría. Con todo, e a xuízo dos últimos resultados, o Cereixa Gondomar FS especialízase no Municipal de Verín onde sacou 3 triunfos nas últimas 4 visitas.

O partido comezou co visitante pegando primeiro, Álex Cabral Álvarez marcaba tras unha boa xogada individual case desde o vestiario (0-1). Aínda que o local movía ben o balón e tentaba imprimir ritmo, o Cereixa Gondomar FS esperaba a súa oportunidade para marcar á contra. E así foi, xogada outra vez de Álex que Gabriel Denis Vasconcellos empuxaba a pracer (0-2). Descanso e triunfo parcial dos miñoranos.

Na continuación, o local saíu decidido a remontar o partido pero atopouse cun equipo moi serio en defensa que non daba opción e cando se superaban as liñas, Alberto Comesaña Rodríguez estaba para soster a portería visitante. O partido avanzaba sen cambios ata que unha galopada de Gabriel Denis Vasconcellos terminaba co gol de Rubén ampliando distancias no electrónico (0-3).

Mediada a segunda metade o Verín foi capaz de descontar pero todo foi un espellismo, xa que un xogadón de Rubén transformábao Gabriel Denis Vasconcellos no 1-4 final co que se terminaba o encontro.

Alegría dobre coa picada do líder que sitúa aos de Vincios a un punto da cabeza.

Anuncios