Catro barcos da Ruta do Ron refúxianse no Monte Real Club de Yates

FOTO: CARLOS RÚA // O Carac no Monte Real Club de Yates.

O Monte Real Club de Yates está a servir de refuxio a tres barcos que participan na Ruta do Ron, unha das regatas transoceánicas máis prestixiosas do mundo para navegantes en solitario, que este ano cumpre a súa undécima edición.

Tras partir o pasado día 4 do porto francés de Saint Malo, as malas condicións meteorolóxicas que se foron atopando os 123 participantes, con ventos de ata 40 nós e ondas de 6 metros, obrigaron a diversos barcos a facer paradas técnicas para solucionar os problemas sufridos durante o percorrido e evitar danos maiores.

No histórico Monte Real Club de Yates de Baiona refúxianse a esta hora o Edenred de Emmanuel Le Roche, da clase 40. O velerista francés, que compite por primeira vez na Ruta do Ron, sufriu roturas nas súas velas e a empresa galega Velas Gándara está a ocuparse de arranxalas para que poida volver á competición o antes posible.

O temporal tamén se cebou coas velas doutro barco da Class40, o Carac de Louis Duc, que permanecerá na vila mariñeira de Baiona ata que solucione os seus problemas e poida retomar rumbo a Guadalupe, algo que Duc, que compite por segunda vez na Ruta do Ron, espera poder facer coa máxima rapidez.

O terceiro barco que se atopa amarrado no club baionés é o trimarán de 56 pés Rayon Vert, de Alain Delhumeau, que compite na clase Rhum; e un cuarto barco chegará ao Monte Real nas próximas horas.

Trátase do Service Civique da francesa Claire Pruvot, que comunicou ao club a necesidade de empregar as súas instalacións para solucionar unha vía de auga sufrida na embarcación.

Os patróns refuxiados no Monte Real comunicaron ao club a súa intención de abandonar Baiona mañá pola tarde, unha vez amaine o temporal de choiva e vento que se rexistra a tal hora en Galicia, e que mantén gran parte da costa galega en alerta laranxa.

Unha vez deixen o club retomarán rumbo cara a Pointe-Á-Pitre, na caribeña illa de Guadalupe, destino final para estes aventureiros da coñecida como “Regata da Liberdade”, unha proba onde 123 profesionais e afeccionados compiten baixo unas mesmas regras ao longo dun percorrido de infarto, de máis de 3.500 millas náuticas en solitario.