O BNG acusa ao alcalde de vender fume ao afirmar que o servizo de Vitrasa chega a Gondomar

O BNG de Gondomar acusa ao Alcalde, Paco ferreira, de vender fume ao afirmar que o servizo de transporte da empresa Vitrasa chega a Gondomar, e consideran as súas afirmacións unha tomadura de pelo ás persoas que dependen do transporte público para a súa mobilidade.

En palabras da responsable local do BNG, Manuela Rodríguez Pumar, “fálase dun servizo que nin entra en Gondomar (todas as súas paradas están dentro do concello de Vigo), nin é cada media hora (ese percorrido faise cada hora). É unha liña existente desde hai anos e que o único que fai é alongar un pouco o seu itinerario, nada significativo a respecto do percorrido anterior, e que en nada mellora a mobilidade da veciñanza de Gondomar”.

Non soluciona ningún problema de transporte á parroquia de Vincios, nin sequera aos veciños da Fraga xa que a nova parada só lles achega o bus uns poucos metros, e moito menos ao resto das parroquias.

Para a organización nacionalista “con esta nova o Alcalde pretendeu, por un lado, colgarse unha medalla -como se esa fora a ser a solución aos múltiples problemas do transporte no noso concello-; e, por outro, vendelo como unha gran colaboración do Alcalde de Vigo. E desta forma lavarlle a cara a Abel Caballero, cando sabemos as liortas partidarias entre o que goberno do concello de Vigo (PSOE) e o goberno da Xunta (PP), son os verdadeiros culpables de que Gondomar non estea aínda dentro do convenio do transporte metropolitano da área de Vigo, e en consecuencia a veciñanza de Gondomar non poida desfrutar dos descontos nos billetes”.