Alejandra Sampedro expón na Capitanía Marítima de Baiona

Desde o pasado 1 de agosto e ata o próximo día 15 pódese visitar na Capitanía Marítima de Baiona a exposición “Das Crebas de Cabo Silleiro á terra de Buño”, de Alejandra Sampedro. Aínda que é nacida en Valencia, defínese como natural do mundo. O seu avó paterno era fareiro e traballou no faro de Cabo Silleiro. Ela acompañaba ao seu pai á praia dos cristais, como todos os da zona fixeron cos seus fillos. Quen non tiña un bote en casa cheo dos “tesouros” que recollían os pequenos e non tan pequenos da casa no areal que estaba por baixo do faro?

Alejandra conta que para ela era emocionante recoller estas crebas da praia, anacos de cerámica, de cristal, cunchas… todo iso pulido polo mar pero coa dureza da súa consistencia. Isto facía o binomio perfecto da fraxilidade e a dureza. Ela recollía todas esas crebas que devolvía o mar e como non podía ser doutra maneira, reciclábaas e buscáballes unha utilidade. Co nome da exposición, a artista quería abarcar toda a costa desde Silleiro, onde traballaba o seu avó paterno, ata a terra de Buño preto de Malpica, de onde era o seu avó materno.

Con esta exposición quere mostrar un pouco do seu mundo interior, cerámicas onde podemos atopar a pequenas persoas perdidas e soas pero á vez acompañadas, ríos imposibles, debuxos de sitios e de vivencias persoais, fotografías que tamén teñen a súa arte, marcando as zonas de recollida, sen esquecernos duns medallóns onde atopamos a galegas ilustres. A mostra pode visitarse de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas.