Anuncios
Ticker de novas

O Erizana suspende os adestramentos ata novo aviso

O Erizana Club de Fútbol suspende os adestramentos de forma temporal desde hoxe martes. Así mesmo, convoca unha Asemblea Extraordinaria de socios para este xoves día 8 ás 20:30 horas no Auditorio V Centenario de Baiona. A medida afecta aos máis de 200 nenos e nenas que conforman as súas escolas deportivas, aínda que si van seguir disputando os partidos de liga polos compromisos adquiridos coa Federación Galega de Fútbol.

O soño estase a converter nun pesadelo

O club baionés recibía o 24 de agosto a noticia que levaban agardando moito tempo, reforma do campo do Aral. As previsións indicaban que as obras non levarían máis dun mes. O 20 de setembro o campo tiña algo máis da metade da herba posta, parecía que os plans podían cumprirse pero nada máis afastado da realidade, pois a 5 de novembro seguen sen poder facer uso das instalacións.

“Máis de dous meses, nos que o avance foi mínimo. O terreo de xogo en si está rematado, pero debe ser que nos teñen que saír ás para poder xogar pois soamente as gaivotas desfrutan del. Mentres, os nosos rapaces viaxan de campo en campo, xogando de prestado en Vilariño ou Oia, sen poder desfrutar da súa casa ou xogando no Val de Martín, que xa non aguanta máis”, sinalan desde o Erizana.

“O dano ao club a nivel deportivo, social e económico é irrecuperable e incuantificable. Os responsables da obra non dan solución, soamente largas e o tempo segue pasando. Baiona baterá un récord, nunca antes se tardara tanto en remodelar un campo de fútbol. As consecuencias quen as asume? pois de momento club, pais/nais, socios e especial e tristemente os rapaces, os máis afectados disto. Veremos se os verdadeiramente culpables desta desfeita asumen a súa responsabilidade”, conclúen desde a entidade deportiva.

Anuncios