Anuncios
Ticker de novas

Adrián Valverde sumou outros dous triunfos Elite en Ferrol

FOTO: LUZ IGLESIAS // Adrián Valverde no más alto do podio.

Sete de sete para Adrián Valverde na categoría Elite da Copa Galicia de Ciclocrós. O ‘One Club Man’ do Club Ciclista Rías Baixas deu continuidade ao seu inmaculado refacho na dobre cita que durante a fin de semana tivo como escenario Ferrol. O sábado subiuse ao máis alto do podio en Esmelle e o domingo repetiu no Club de Campo da cidade departamental.

O baionés da entidade que preside José Luis Chamorro deu o primeiro paso cara a este dobrete impoñéndose con 35 segundos de vantaxe sobre Saúl López (Maceda) en Esmelle, onde tres Sub-23 foron os máis fortes da proba reina. Iván Feijoo (Maceda) venceu por diante de Samuel González (Guerciotti) e Adrián Barros (Ponteareas), segundo e terceiro respectivamente. Valverde cruzou a liña de meta en cuarta posición, a 2:07 do gañador absoluto.

Ao día seguinte, o representante da formación miñorana volveu dominar entre os Elite e ademais meteuse entre os tres primeiros da clasificación absoluta. Valverde terminou terceiro, a 1:27 do vencedor Adrián Barros e a 22″ de Samuel González. O de Baiona superou en 1:11 a Jorge Punzón (Prebegton), segundo en Elite.

Despois de sete xornadas disputadas da Copa Galicia, a marxe de Valverde á fronte da xeral da súa categoría sitúase en 197 puntos sobre Jorge Punzón e o corredor do Club Ciclista Rías Baixas está igualado na segunda praza da táboa absoluta con Iván Feijoo, ambos a 130 puntos de Samuel González. O certame autonómico regresará o vindeiro domingo na localidade coruñesa de Dumbría.

Anuncios