Roberto Daniel Pazo e Sonia Martínez reinan no Trail Trans Serra da Groba

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Roberto Daniel Pazo Giráldez.

Baiona celebrou este sábado a 6ª edición do Trail de Montaña Trans Serra da Groba, consistente en tres probas deportivas distintas. O día foi duro, as distancias longas pero as condicións meteorolóxicas non prexudicaron como noutras edicións a participación dos valentes deportistas, só a néboa fixo a súa aparición durante a xornada.

A primeira proba, un Trail de Montaña de 42 Km, tivo o seu pistoletazo de saída no Pavillón Municipal de Deportes de Baiona ás 7:30 horas, cun total de 61 participantes. Ás 10:00 horas saían os 165 participantes da Mini Trail, proba de 25 Km, e finalmente ás 10:30, desde Chan da Lagoa os 147 participantes do Trailiño, que completaron un percorrido de 12 km. En total, case 400 participantes entre todas elas.

Ismael González González, de Gondomar, e Raquel Doiro González, de Vigo, impuxéronse no Trailiño, cun tempo de 1:13:35 e 1:33:31 respectivamente. Miguel Iglesias Valverde (1:14:44), de Nigrán, e David Durán Dacuña (1:14:52), de Oia, ocuparon o segundo e terceiro posto na categoría masculina. Isabel González González (1:35:45), de Vigo, e Lucía Dorado Álvarez (1:36:27), da Guarda, completaron o podio feminino.

Na proba do Mini Trail, do mesmo xeito que na edición anterior, o vencedor foi Antonio Liébanas Méndez. O baionés demostrou o seu nivel deportivo alcanzando a meta nun tempo de 2:12:50. Na categoría feminina, Natalia Sierpes Pereira, de Tomiño, foi a primeira en completar os 25 km cun tempo de 2:59:27. O cadro de honra complétase con Jonathan López Costas como primeiro baionés cun tempo de 2:33:19, e Consuelo Lago Doldán como primeira muller local cun tempo 4:19:44.

A competición por equipos na Mini Trail quedou pendente de resolución por unha reclamación. O vindeiro luns a organización comunicará a súa decisión.

Na proba reina, o Trail de 42 km, repetiu vitoria Roberto Daniel Pazo Giráldez, cun tempo de 3:58:43, natural de Baiona, e que deixa constancia do nivel atlético que puidemos seguir ao longo deste día de deporte e aventura que nos deron todos os participantes. Na categoría feminina, Sonia Martínez Leyenda, tamén de Baiona, quedou primeira cun tempo de 5:37:41. E como vencedores locais tamén repetiron Saúl Nemesio Vázquez Pedreira na categoría masculina e Elena Ribeiro Freire na feminina, cunhas marcas de 4:41:04 e 7:03:09 respectivamente.

A competición por equipos na Trail gañouna o Aviva-Ult con 174 puntos, segundos Atletismo Baiona Trail con 143 puntos e terceiros Cazafantasmas Team con 141 puntos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.