O CPA Gondomar, agora a polo Campionato de Europa e o Mundial

Este sábado tivo lugar o XVIII Campionato de España de Grupos Show na categoría de grupos pequenos, celebrado no Pavillón Multiusos de Guadalaxara, con máis de 2000 persoas que gozaron dun espectáculo de patinaxe artística de alto nivel.

Constaba de 20 grupos participantes, saíndo a pista de décimo sétimo o Club de Patinaxe Artística Gondomar co seu «Saint Mary», que non deixou indiferente ao público das distintas comunidades autónomas que se levantaron a aplaudir ás galegas tras a súa posta en escena, facendo alarde dunha gran técnica e dificultade.

Todos os espectadores alzáronse a encomiar a súa intensa e emocionante demostración en pista, cun resultado de puntuación de 92.9. Diferenciábaas a súa forza e velocidade, como adoita caracterizar ás patinadoras do recoñecido adestrador David Figueroa, horas e horas de adestramento que se reflectiron subindo ao podio, gratificadas cunha medalla de prata máis que merecida.

Os duros adestramentos leváronas a conseguir un primeiro posto galego e un segundo posto no nacional. Agora poñerán o seu empeño na preparación dos próximos campionatos: o de Europa que será en Italia, en Reggio Emilia, así como no próximo Mundial, que se disputará en Barcelona, os World Roller Games 2019.