Nigrán Decide inicia unha campaña informativa sobre a ampliación de Porto do Molle

FOTO: ZFV // Porto do Molle.

Nigrán Decide inicia unha campaña informativa entre os pequenos comerciantes sobre a ampliación de Porto do Molle que está negociando o goberno de Nigrán coa Zona Franca e os seus posibles efectos sobre o pequeno comercio.

A ampliación que o goberno está negociando á marxe da corporación municipal, prevé o crecemento do polígono de Porto do Molle en 250.422,63 m2de uso terciario, nos cales se poden construír 95.160,60 m2, segundo se desprende da ficha urbanística referida ao SUD 11 publicada na web municipal. Hai que precisar que o uso terciario comprende comercio, os usos de oficinas, almacén, hoteleiro e hostaleiro, recreativo e espectáculos, non estando incluídas as industrias.

“A pesar do que afirma o goberno municipal, non se trata dunha reserva para unha hipotética ampliación de Porto do Molle, pois na normativa do PXOM indícase que as obras de urbanización teñen que comezar 12 anos despois da aprobación do PXOM, a partir do cal poden instalarse grandes centros comerciais que, na práctica, será o principal uso desta ampliación, tal como está deseñada”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que, “na práctica, isto pode supoñer a morte do pequeno comercio en Nigrán. Cómpre lembrar que as consecuencias das decisións urbanísticas prodúcense moitos anos despois, como pasa agora coa construción dun gran centro comercial en Porto do Molle, previsto no 2005 no plan de sectorización do polígono”, finaliza Cuevas.

Mentres se desestiman centos de alegacións, prodúcese esta ampliación sen que ninguén a solicitase en ningunha alegación nin a aconsellase ningún informe, polo que o grupo municipal de Nigrán Decide preguntará no próximo pleno quen está negociando coa Zona Franca esta ampliación, pois no pasado pleno o alcalde e o concelleiro de urbanismo informaron que nesta recualificación non intervira ningún membro do goberno, sendo tomada esta decisión polo arquitecto municipal e o equipo redactor.

Nigrán Decide cre que unha modificación deste calado pon en risco a tramitación do PXOM pois, segundo a Lei do Solo, as modificacións que se introduzan no PXOM inicialmente, deben ser consecuencia das alegacións presentadas ou dos informes sectoriais.

Anuncios