
A Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís vén de presentar no Rexistro Municipal a solicitude dunha trintena de veciños e veciñas para que o Concello de Baiona inclúa, no vindeiro Plan Concellos da Deputación, o saneamento na zona de Galisur e Urgal, xunto ao río Groba.
Durante anos e por diversos motivos, numerosas familias da zona foron quedando sen abastecemento de auga da traída así como do correspondente saneamento, tendo cada veciño que utilizar captacións de auga propias e pozos negros. A Asociación Castro e Ladeira, posta en contacto con estes veciños e veciñas, considera chegado o momento de que se lles dea unha solución a esta situación terceiromundista. Consideran que o Plan Concellos para 2019 debera recoller esta demanda e rematar deste xeito con esta inxustificada situación de marxinalidade.