Baiona despide con vento e emoción o 37º Trofeo Príncipe de Asturias

O vento quixo ser protagonista na xornada final do 37º Trofeo Príncipe de Asturias organizado polo Monte Real Club de Yates e a Escola Naval de Marín. O día non foi fácil para ningunha das frotas das oito categorías participantes e tampouco para os comités de regata, aínda que as duras condicións non impediron que se disputasen as últimas probas para coroar aos novos vencedores da regata estrela da vela galega.

O paso dunha fronte polas Rías Baixas, que deixou unhas condicións de vento sostido duns vinte nós e puntas de case trinta, obrigou aos case noventa equipos participantes a dar o cento por cento nunha xornada final na que todos os líderes do sábado acabaron adxudicándose a vitoria definitiva.

O portugués Xekmatt da Asociación Naval de Lisboa, gran vencedor do Príncipe

O Aceites Abril de Luis e Jorge Pérez Canal (Real Club Náutico de Vigo) logrou unha pelexadísima primeira posición na única proba disputada este domingo na clase ABANCA ORC 1 cun segundo de vantaxe sobre o Xekmatt (Asociación Naval de Lisboa). Ao equipo portugués liderado por Hugo e João Prista, con todo, serviulle o segundo posto para proclamarse vencedor do Trofeo Príncipe de Asturias por diante do vigués Magical de Julio Rodríguez, que foi segundo na xeral. O equipo dos irmáns Pérez-Canal, pola súa banda, pechou o podio no terceiro caixón. Ademais do título na súa categoría, o Xekmatt leva tamén nesta trixésimo sétima edición o trofeo ao vencedor absoluto das divisións de ORC 1 ata a 4 e o Premio Conde de Barcelona Don Juan de Borbón á mellor tripulación portuguesa. Un Príncipe, sen dúbida, redondo para o equipo dos Prista, que sendo un habitual no podio en edicións anteriores, logrou a súa segunda vitoria xeral despois de dez anos.

O gran premio da Volvo Autesa ORC 2 quedou en Baiona co Marías

Na división Volvo Autesa ORC 2, o equipo local Marías de Manel María Cunha non cedeu ante os seus rivais e sumou unha nova vitoria que lle permitiu adxudicarse directamente o triunfo tras liderar desde a disputa da primeira proba de campionato. Por detrás, a un punto do Marías situouse o Arroutado de José Manuel Pérez (Real Club Náutico de Portosín) na segunda posición, e terceiro foi finalmente o Mirfak de Diego López, da Comisión Naval de Regatas de Ferrol.

Urbapaz sentenciou a xeral en Aceites Abril ORC 3

Con catro vitorias en cinco probas disputadas, o Urbapaz de Fran Edreira, representante do Club Náutico de Cabanas adxudicouse o título de campión do Trofeo Príncipe de Asturias con tres puntos sobre o segundo clasificado, o Sailway do Club Marítimo de Canido. Os de Ramón Ojea, lograron á súa vez unha cómoda vantaxe de nove puntos sobre o portugués Milaneza de Diogo Talone, que pechou o podio no terceiro caixón.

Deep Blue 2.1 continúa coa súa boa serie e gana en Martin Miller ORC 4

Nova vitoria para o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid en Martin Miller ORC 4. O equipo do Real Club Náutico de Vigo, que está a asinar unha tempada regateira brillante, revalidou este domingo o título da pasada edición, aínda que o Orión non llo puxo nada fácil. Os de Javier Pérez (Monte Real Club de Yates) sumaron tres vitorias parciais nas tres últimas probas disputadas, pero cun sexto noutro parcial, quedaron a tres puntos da vitoria e tivéronse que conformar co segundo posto. O bronce levoullo La Burla Negra de Juan José Martínez (Club Náutico de Castrelo de Miño).

O Cinco Islas Albariño de Iñaki Carbajo fíxose coa vitoria final en Gadis ORC 5

Para as frotas das clases Gadis ORC 5 e Vanguard ORC Open, o Comité de Regatas preparou este domingo unha nova regata costeira que finalmente tivo que ser acurtada polas duras condicións que se rexistraron durante o percorrido pola ría de Vigo. En ORC 5, o Salao de Juan Carlos Sicre (Liceo Marítimo de Bouzas) foi o máis rápido da xornada, pero o segundo posto logrado polo Cinco Islas Albariño de Iñaki Carbajo, valeulles aos do Club Náutico Beluso) para adiantalos e facerse coa vitoria final. O Marcolfo de Antonio Francisco Gómez (Real Club Náutico de Vigo), vencedor da pasada edición, foi nesta ocasión terceiro na xeral da súa división.

O gran premio da clase Vanguard ORC Open vaise para a Coruña

En Vanguard ORC Open pasou algo moi parecido ao sucedido na clase ORC 5. O Albarellos de Fernando Rey (Club Náutico de Portonovo) gañou a proba do domingo, pero non puido facerse coa vitoria final e terminou en segunda posición por detrás do Salseiro de Manuel Blanco (Real Club Náutico Coruña), gañador definitivo na xeral. A terceira posición adxudicoulla o portugués Porto de Aveiro con Delmar Conde aos mandos.

Vitoria para o GP Bullhound na clase Solventis J80, a máis numerosa do trofeo

Empezaron e terminaron ben. Ese podería ser perfectamente o resumo para a actuación do GP Bullhound de Per Roman, que compite baixo a grímpola do Royal Swedish Yacht Club. A tripulación, da que formaba parte o galego Luis Bugallo, arrancou o Príncipe con forza, sumando dúas vitorias e un segundo nas probas inaugurais do sábado. Este domingo, con dúas mangas máis completadas nas que se anotaron un terceiro e unha nova vitoria parcial, os de Roman convertíanse nos novos vencedores do Trofeo Príncipe de Asturias na clase Solventis J80, categoría que este ano contou con máis de trinta unidades en liza, debido, principalmente, á proximidade do Campionato de España, que se celebrará en Baiona en dúas semanas. Co triunfo, o GP Bullhound levou tamén o Trofeo Juan Sebastián Elcano ao mellor J80 da edición. O podio da categoría Solventis J80 completárono o Solintal de Ignacio Camino (Real Club Marítimo de Santander) e o Okofen de Javier de la Gándara (Monte Real Club de Yates), segundo e terceiro respectivamente.

O Silleiro confirmou o seu dominio na Gestilar Ladies Cup

Na categoría exclusivamente feminina, a Gestilar Ladies Cup, o Silleiro comandado pola viguesa Carlota Hernández e representando á Mariña Burriananova logrou defender o liderado este domingo cun terceiro e un primeiro posto. Con estes resultados conseguiron proclamarse vencedoras da vixésimo sexta edición da Ladies Cup. Por detrás, o segundo posto levoullo o Tutatis de Pilar Casares (Real Club Náutico de Porto Pollensa) e terceiras foron as regatistas do Serralleiras con Helena Alegre á cana (Real Club Náutico de Palma).

A entrega de trofeos, broche final a unha edición de récord

Ademais de repartir os galardóns aos vencedores do Trofeo Príncipe de Asturias, a Gestilar Ladies Cup e a mención especial aos alumnos da escola de vela adaptada aos alumnos do Centro Juan María de Nigrán, durante o acto, o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, fixo entrega do Trofeo Presidente da Xunta aos mellores barcos de ORC 0-3, 4 e J80 nas tres regatas que conformaron este ano o circuíto -a Regata Infanta Elena, o Trofeo Mar de Finisterre de Portosín e o Príncipe de Baiona-. Urbapaz de Fran Edreira, Orión de Javier Pérez e La Galera de Esteban Martínez levaron este ano o botafumeiro de prata.

O acto, que estivo presidido por José Luis Álvarez, presidente do Monte Real e o Capitán de Navío Pedro Cardona, Comandante Director da Escola Naval de Marín; contou tamén coa asistencia de Gabriel González Eiroa, director xeral comercial de ABANCA; José María Fonseca Moretón, presidente de Terras Gauda; Javier García Valcárcel, presidente de Gestilar; Gorka Gómez, deputado de deportes; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; e Fernando González Abeijón, Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

O 37º Trofeo Príncipe de Asturias celebrouse baixo a organización do Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar e grazas ao patrocinio de ABANCA, a Xunta de Galicia a través do Xacobeo, Terras Gauda e Gestilar. A competición contou, ademais, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona; e o apoio de empresas como Solventis, Volvo Autesa, Aceites Abril, Zelnova Zeltia, Paradores, Vanguard Marine, Gadis, Foxy, Onda Cero, Musto, o grupo Solitium, HOLA, Tuypan, Coca Cola e Martin Miller’s Gin.