Sin categoría

Argentino Alborés di adeus ao segundo dos seus bois

Case 800 quilos de carne do segundo dos bois criados en Parada por Argentino Alborés Cima poderanse adquirir desde este venres na carnicería Talho dos Galegos de Valença do Minho, en Portugal. O exemplar poñía rumbo esta semana ao Matadoiro Frigorífico Comarcal Macomusa de Nigrán tras a súa venda a Ricardo González Moreira, veciño de Randufe (Tui), propietario do establecemento luso, que tamén adquiriu o primeiro dos bois criado na granxa nigranesa o pasado mes de xullo. Ata a próxima semana poderanse comprar diferentes carnes de boi, unha oportunidade única para poder degustar auténtico boi galego.

Os dous fantásticos exemplares de 8 e 9 anos e uns 900 quilos cada un foron criados con esmero e alimentados con fariña de millo e heno, todo de forma natural, durante o últimos catro anos. Argentino leva case unha década dedicándose á cría deste rumiante na súa propia casa. A experiencia que adquiriu durante os anos que traballou nunha sala de despezamento, levoulle a forxar un proxecto que consistía na apertura dunha carnicería para vender alí carne da súa “colleita”. Finalmente a súa idea interrompeuse cando comezou a traballar nunha empresa de automoción aínda que xa tiña construídas e acondicionadas as cuadras. Actualmente compaxina o seu emprego coa cría de boi para a venda, ademais doutro tipo de animais para autoconsumo.

Aínda que se trata dunha carne moi valorada, os chuleteiros chegan con facilidade a roldar os 100 euros por quilo, non é demasiado rendible se non se dispón da maquinaria e colleita para alimentalos de maneira natural. Ao traballo diario hai que sumarlle as visitas periódicas dos veterinarios, ademais de dous desparasitacións por ano e as inspeccións da Xunta. Este punto é de vital importancia xa que son eles quen lle outorga a autorización necesaria para a súa venda, chamada carta verde. Cos beneficios, este veciño de Nigrán comprará dúas novas crías para empezar de novo.