Nigrán Decide esixe ao goberno municipal que garanta a seguridade no Pavillón de Deportes

Nigrán Decide esixe ao goberno municipal que garanta a seguridade no Pavillón de Deportes, pois ante as preguntas que se lle realizaron no pleno da pasada semana, o alcalde manifestou descoñecer o contido dun informe sobre a instalación eléctrica que a ditaminaba como non satisfactoria. Ademais, neste pleno, ao igual que nos de xuño e xullo, o grupo municipal preguntou polas datas en que se acreditou a seguridade do Pavillón de Deportes de Panxón, especialmente no referente á instalación eléctrica, volvendo o goberno a non contestar.

“O informe que cualifica a instalación eléctrica como non satisfactoria foi asinado en novembro do ano 2017, sen que se facilitase ao noso grupo municipal ningún documento de data posterior que acredite que as deficiencias que motivaron a non conformidade fosen liquidadas”, sinalan desde Nigrán Decide.

Concretamente, o Informe de probas de servizo e funcionamento da instalación de electricidade conclúe que a instalación de electricidade e iluminación da obra de “Adecuación e reforma interior do pavillón municipal de Panxón”, someteuse ás probas finais, de acordo co Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión, co Código Técnico de la Edificación e a Guía de Alumeado Interior, con ditame NON Satisfactorio.

“Non se trata de alarmar innecesariamente, pero si de informar á cidadanía da situación do Pavillón de deportes de Nigrán”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que “as obras aínda non están recepcionadas polo Concello, polo que consideramos que o goberno está actuando dunha forma irresponsable ao manter unha instalación aberta da que non é capaz de acreditar que cumpra con todas as medidas de seguridade. Nunca pasa nada até que ocorre, polo que Nigrán Decide prefire denunciar esta situación de forma preventiva para que o goberno actúe”.

Desde Nigrán Decide lembran que non sería a primeira vez que o actual goberno de Nigrán pon en risco a seguridade ou a saúde da veciñanza: o ano pasado, durante un episodio de contaminación microbiolóxica nas praias, non sinalizou a prohibición do baño en augas cualificadas como non aptas para o mesmo.