Unha blogueira alemá realiza o Camiño Portugués da Costa da man de Correos

A blogueira alemá especializada en viaxes Nicole Biarnes inicia hoxe o Camiño Portugués da Costa desde Baiona. Irá percorrendo as localidades deste Roteiro Xacobeo contando a súa experiencia aos peregrinos alemáns. Alemaña é, xunto a Italia, o país que máis peregrinos estranxeiros achega ao Camiño de Santiago, con máis de 25.000 o ano pasado.

Esta iniciativa, impulsada por Correos e que conta coa colaboración de varios municipios, como é o caso de Baiona, ten por finalidade promocionar o Camiño Portugués da Costa entre os peregrinos alemáns. Desde hoxe, e durante toda a semana, a empresa postal e de paquetería percorre este Camiño coa blogueira alemá.

En Baiona puido gozar dunha visita guiada para coñecer a Vila, e antes de comezar a camiñar, o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, quixo intercambiar unhas palabras con ela, e obsequiouna cunha cantimplora realizada expresamente para peregrinos. E como non podía ser doutra maneira, despediuna, desexándolle “Bo Camiño”.

Nicole Biarnes contará no seu blogue especializado a súa experiencia como peregrina nas distintas etapas que poderá realizar libre de cargas ao contar co servizo Paq Mochila, para o transporte de mochilas no Camiño Portugués da Costa. Etapa a etapa, os ruteiros de Correos transportarán a súa equipaxe de aloxamento en aloxamento, xunto co doutros peregrinos que realizan este Roteiro Xacobeo.

Ademais, como un servizo para dotar aos peregrinos de maior comodidade e seguridade co seu diñeiro no Camiño de Santiago, Correos facilitou á blogueira alemá a tarxeta Correos Prepago Mastercard para o Camiño de Santiago. Esta tarxeta, que non está vinculada a ningunha conta corrente, permite ir facendo recargas seguras e esquecerse así dos cambios de divisa.