Sin categoría

CABE insta ao goberno municipal a facer un estudo das necesidades do transporte en Gondomar

O goberno de Gondomar vén de instalar a pasada semana dous valos publicitarios no centro da vila co obxectivo de “esixir Transporte Público Digno”. Dende Gondomar Concello Aberto cuestionan a utilidade que pode ter esta medida propagandística e que pagan todos os veciños e veciñas de Gondomar, reféns desta enésima liorta PP-PSOE.

Desde CABE recordan que o convenio para a entrada de Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano da Xunta de Galicia, materia de competencia autonómica, establece unha achega por parte do concello de preto de 90.000 euros nos próximos tres anos. “A entrada no Plan non suporía ningunha mellora no pésimo servizo do transporte urbano que sufrimos no noso Concello; xa que non se negociou ningunha das deficiencias que existen na actualidade”.

Segundo Jimena Varela, seguiría sen haber un servizo directo entre Gondomar e Vigo, xa que non dá solución ao histórico conflito da concesión a dúas empresas. Non se garante ningún novo servizo que solucione as graves deficiencias actuais: o transporte entre a vila e as parroquias; a falta de transporte ao Campus da Universidade, onde cursan este ano académico máis de cen alumnos/as de Gondomar; ou o inadecuado transporte entre as vilas do Val Miñor.

A mala planificación do transporte escolar, deixado na man das concesionarias. Iso supón que os horarios dos centros escolares do concello estean fixados polas empresas, impedindo que os centros poidan fixar as horas de entrada e saída do alumnado consideradas máis adecuadas. A Xunta fixa os horarios dos centros en función das demandas das empresas de transporte; non das dos colexios.

“En lugar de pagar con nosos cartos valos publicitarios, dende Gondomar Concello Aberto instamos ao goberno municipal a facer un estudo das necesidades do transporte en Gondomar, incluíndo o transporte mediante empresas concesionarias, o servizo de taxis e posibles medios propios do Concello. Hai concellos da nosa contorna que están poñendo en marcha iniciativas de transporte interparroquial, e cos 90.000 euros reservados para o Plan de Transporte Metropolitano pódense facer moitas cousas, incluíndo unha subvención do billete ás persoas en función da renda. É cuestión de ter vontade real de dar solucións ao problema de transporte, máis que de facer campañas de interese partidista que pagamos toda a veciñanza”, conclúe a concelleira de CABE.