Unha avaría mecánica frustra as opcións ao título galego de Alberto Meira

Non puido ser: Alberto Meira chegaba a Lugo con ánimo de pelexar polo triunfo no Rally San Froilán, e seguir na súa pugna polo título galego de rallies, pero unha avaría na caixa de cambios obrigáballe a abandonar a falta dos dous últimos tramos, cando estaba a ocupar a segunda posición do rally por detrás de Víctor Senra.

A metade de carreira Meira (ao que nesta ocasión copilotaba o lucense Mario Tomé en substitución do habitual José Murado) ocupaba a terceira posición do rally a só 7 segundos da cabeza. Con todo sería na sección vespertina cando xurdían os problemas técnicos, que Meira relataba desta maneira na meta do sexto tramo: “Algo se rompeu na caixa, concretamente coa cuarta velocidade, e tiven que completar este tramo a ritmo moi reducido. Non sei se conseguiremos solucionalo na asistencia, porque o tempo que nos permiten é moi escaso. Se non é posible facelo a tempo, probablemente teremos que abandonar”.

Eses temores materializábanse minutos despois, no parque de traballo de Outeiro de Rei, cando o equipo de Alberto Meira optaba por abandonar a proba. O posterior triunfo de Víctor Senra sentenciaba ao seu favor o Campionato Galego, sen necesidade xa da última carreira. Meira valoraba que: “Toca dar o parabén a Víctor e todo o seu equipo. Creo que lles fixemos correr moito ao longo de todo o ano, demostrando que o noso Mitsubishi, aínda que máis veterano que os vehículos R5, aínda pode dar moita guerra. A nosa tempada pecharase no Rally Comarca da Ulloa, onde como sempre e á marxe de que o campionato estea decidido, vou saír a pola vitoria con ánimo de ofrecela ao meu equipo, patrocinadores e xente que nos segue e apoia. O meu parabén e agradecemento a todos os afeccionados que estiveron nos tramos do San Froilán, soportando a choiva e o frío”.