Sin categoría

Unha curtametraxe do persoal do Centro de Saúde do Val Miñor anima a vacinarse contra gripe

Os profesionais do Centro de Saúde do Val Miñor realizaron un vídeo informativo no que animan a vacinarse contra gripe, guionizado e protagonizado por eles mesmos, contando coa participación dalgúns dos seus pacientes, e que xa conta con miles de reproducións nas redes sociais.

A campaña de vacinación da gripe desenvolverase baixo o lema Contaxia a túa enerxía e non a gripe. A Consellería de Sanidade adquiriu este ano un total de 608.000 doses, 48.000 máis que a pasada campaña, e destinou un orzamento que ascendeu a 2.183.220 euros, 226.980 euros máis que no ano 2017.

A vacinación ofrécese de xeito continuado durante 10 semanas (ata o 28 de decembro) en arredor de 900 puntos de vacinación de toda Galicia. Haberá vacinas dispoñibles en todos os centros durante todo este tempo, polo que esta pode levarse a cabo dun xeito progresivo evitando aglomeracións nos primeiros días. Calquera persoa vacinada en calquera das semanas da campaña gozará da máxima protección antes da chegada do virus a Galicia.

Poboación diana e obxectivos específicos

A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.
A vacina antigripal non só evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.

Os obxectivos específicos son acadar unha cobertura na poboación de 60 a 64 anos igual ou superior ao 35%, conseguir unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos igual ou superior ao 65%, e acadar unha cobertura superior ao 40% nos traballadores sanitarios do Servizo Galego de Saúde e nas mulleres embarazadas.

Para incentivar a participar á poboación de máis de 65 anos, a partir da terceira semana da campaña, desenvolverase o programa de promoción da vacinación antigripal mediante chamada activa. Os profesionais de enfermaría chamarán á poboación entre 65 e 74 anos que non teña posta a vacina a esa altura da campaña. Ademais establécense axendas de citación especial para vacinación e realizarase vacinación aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio.