O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, reuniuse esta mañá co responsable de Recursos humanos da Bosch Service Solutions de Vigo, Borja Ramos López, co fin de establecer unha liña de colaboración á hora de poñer ao alcance dos gondomareños ofertas de traballo que se xeren na delegación da firma en Galicia, tras a expansión rexistrada no último ano.
Nesta primeira toma de contacto, na que tamén participaron a edil de Emprego, Rocío Goberna, e Andrea González, traballadora de Bosch, expúxose unha primeira iniciativa de captación de emprego para cubrir preto de 150 prazas nas próximas semanas e que supoñería a incorporación ao posto de traballo durante os próximos meses.
Deste xeito, persoal da firma desprazarase o próximo día 14 de novembro ata o municipio co fin de celebrar unha xornada de captación de currículos de posibles interesados/as nalgún dos postos que se ofertan, encontro no que tamén se lles facilitará a información que consideren precisa.
O alcalde de Gondomar Paco Ferreira cualifica de positivo este tipo de iniciativas que facilitan a posibilidade de acceso ao mercado laboral a desempregados ou persoas que estean interesadas en calquera das ofertas que se presenten.
Bosch Solutions Service foi creado hai máis de 30 anos como centro de control e provedor de servizos de comunicación, sendo na actualidade un dos principais provedores de servizos de externalización dos procesos empresariais a nivel internacional. A día de hoxe conta con preto dunha vintena de emprazamentos en España, un deles en Vigo, e emprega ao redor de 8.650 persoas.

