“Queren un centro para os veciños pero sen contar cos veciños”

A Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís leva anos reclamando un centro social para os veciños da parroquia. “Por fin, a poucos meses das eleccións municipais damos a benvida a un vídeo promocional de reforma do Mercado. Non é un centro social real, é só virtual, pero serve para demostrar unha vez máis o pouco amigo que é este goberno de falar e escoitar as necesidades e suxestións dos veciños”, sinalan desde o colectivo.

Esta Asociación leva anos reclamando unha instalación onde os veciños e veciñas de Sabarís poidan acollerse e desfrutar do seu tempo de lecer. “Nin tan sequera fomos invitados a dar unha opinión. En troques, estamos ameazados de desaloxo das nosas oficinas. Queren un centro para os veciños pero sen contar cos veciños”.

Castro e Ladeira dubida da capacidade deste goberno de manter unha instalación do tipo que presentan. “Nin teñen organización, nin recursos, nin ganas. Sabarís constrúese entre todos e non contra os propios veciños e veciñas. Como sempre, poñémonos a disposición do alcalde para facerlle chegar as nosas opinións e suxestións que, sen dúbida, mellorarían na realidade o conto virtual que nos contaron”.