Stephy Llaryora e Josi Lage protagonizan “Loló e Mamá” en Gondomar

O Concello de Gondomar continúa este sábado 27 de outubro a programación cultural de outono coa obra “Loló e Mamá”, unha danza teatral coas actrices Stephy Llaryora e Josi Lage que grazas a un humor fino e ácido consegue facernos ver que as cousas case nunca son o que parecían, que as relacións familiares case sempre son máis difíciles do que nos gustaría e sobre todo, que o amor é unha ferramenta de dobre filo: canto máis se ama, máis doen as cousas, antes de curar. A función comezará ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío. O custe da entrada é de 3,50 euros. O despacho de billetes abrirá ás 19:00 horas.

Sinopse

Mamá queda no paro e decide instalarse na casa da súa filla, Loló, a un océano de distancia. Mais o que semellaba unha idea xenial que axudaría a xuntar a unha familia desestruturada dende sempre, pronto se transforma en desastre. Como acolle unha filla o retorno da nai? Quen é a nai e quen a filla cando é esta última a que ofrece casa e sustento?

De que maneira conviven agora coa loita cotiá, contra o aburrimento, unha nai que foi reporteira de guerra e que agora non ten nada que contar… e unha filla, que fronte á ausencia da súa nai, estruturou a súa vida a base de loita individual? Canto tempo pode pasar ata que estoupe a guerrilla familiar?