Anuncios
Ticker de novas

Entra en vigor o núcleo rural delimitado de Prado-Morgadáns

Despois dun longo e complexo proceso de máis dun ano de duración, que implicou un rigoroso traballo técnico de estudo a pé de campo das características morfolóxicas e de organización do seu territorio, do patrimonio existente no mesmo, do viario, etc… ou, de pasar máis dunha dúcia de filtros, superándoos todos, dende a Avaliación Ambiental Estratéxica ás diferentes aprobacións sectoriais de Augas de Galicia, Medio Rural, ou Aviación Civil. Despois de ser aprobado inicialmente polo Pleno Municipal e definitivamente pola Direcección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, hoxe por fin, coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, entrou en vigor o Núcleo Rural delimitado do barrio de Prado en Morgadáns.

“A partires de hoxe mesmo xa se pode proceder a dar licenzas de obra naquelas parcelas que estean dentro do devandito núcleo, licenzas con novos proxectos ou a continuar con aquelas paralizadas polas complexas circunstancias urbanísiticas de Gondomar, a legalizar aquelas que sexan legalizables, parcial ou totalmente, en definitiva, hoxe rematouse coa incertidume e inseguridade xurídica derivada da situación urbanísitca que dende hai anos vive Gondomar, e na que quedaron atrapados centos de veciños”, destaca Antonio Araújo, ex concelleiro de Urbanismo.

Con esta aprobación definitiva poderanse resolver máis dunha dúcia de contenciosos e denuncias que nesa zona de Morgadáns existen coa APLU dende hai anos, algún de cuxos expedientes estaría no límite de ser derrubados. “Moitas veciñas e veciños de Prado dende hoxe poderán obter, por fin, a súa Licenza de Primeira Ocupación, ou como xa dixen, construír unha vivenda ex novo con garantías”, incide Araújo.

O ex concelleiro recorda que todo este proceso que hoxe remata e dá froitos, non sería posible sen o compromiso e determinación dos técnicos e funcionarios do departamento de Urbanismo, “aos que lles estarei sempre agradecido, e obiamente, á decisión política que o meu grupo municipal Manifesto Miñor e eu mesmo, tivemos como obxectivo principal dende o minuto cero de comezar a dirixir a Área de Urbanismo: defender o Ben Común”.

Por último, Araújo sinala que está a punto de ser publicado tamén no BOP o núcleo de Penalba en Mañufe (cuestión de días), e detrás virán os núcleos de A Carballa, A Mourisca e San Roque neste momento pendentes da Xunta. Algo máis tardará o núcleo do Cruceiro-Donas, e pendente de levar a pleno un novo núcleo que se está aínda delimitando como é o de A Rochela.
“Por iso este concelleiro, que o foi de Urbanismo, está agora na oposición coa satisfacción do traballo feito con honetidade e do deber cumprido, un xeito de facer política a favor da xente sen ruídos, sen fotos, e sen vender fume. E senón que llelo pregunten aos centos de persoas que nestes anos se lle resolveron infinidade de problemas, dende a discreción e a eficacia como é a obriga dun servidor público”, conclúe Araújo.

Anuncios