Sin categoría

Obradoiro de “Patchwork de Nadal” en Baiona

O Concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra organizan un obradoiro de “Patchwork”, que se impartirá os días 10, 12, 14 e 17 de decembro de 17:00 a 20:00 horas e o 19 de decembro de 17:00 a 21:00 horas no Centro Multiusos Ángel Bedriñana. Ao desenvolverse a actividade en datas tan próximas ao Nadal elaboraranse coa técnica patchwork adornos e agasallos propios desta época do ano.

O patchwork é un tecido feito pola unión de pequenas pezas de teas cosidas entre si polos bordos. O resultado pode ser unha manta, colchas, coxíns, bólas da árbore, elementos decorativos…. Ante todo, o patchwork é creatividade. Cos fragmentos de tea poderase levar a cabo calquera obra que teñas en mente. Esta arte de unir retais de diferentes cores e tamaños utilizando múltiples técnicas, para chegar a crear distintos motivos e obxectos, persegue a precisión no trazado, corte e ensamblado das pezas de tea. Calquera poderá desenvolver a súa propia creatividade sen requirir grandes coñecementos de costura.

A actividade enmárcase dentro do programa “Tecendo Lazos” 2018 da Deputación de Pontevedra. Este programa ten por finalidade desenvolver obradoiros interxeracionais no ámbito do lecer e do tempo libre, a través dos cales se pretende poñer en marcha estratexias, oportunidades e formas de creación de espazos para o encontro, a sensibilización, a promoción do apoio social e o intercambio mutuo, intencionado, comprometido e voluntario de recursos, aprendizaxes, ideas e valores encamiñados a producir entre as distintas xeracións lazos afectivos, cambios e beneficios individuais, familiares e comunitarios, entre outros, que permitan a construción de sociedades máis xustas, integradas e solidarias.

Poderán participar neste obradoiro membros da mesma familia -pais/nais e fillos/as, avós/as e netos/as, tíos/as e sobriños/as, etc.- entre os 6 e os 99 anos. A actividade é totalmente gratuíta. Para máis información e inscricións poderán dirixirse á Omix do Concello de Baiona, ou no teléfono 986 385 925, ata o 20 de novembro.