Anuncios
Ticker de novas

O Cereixa golea ao Celado e mantense líder

Gran triunfo do Cereixa Gondomar FS que lle permite manter unha semana máis o liderado da categoría antes do transcendental duelo da próxima semana no CUVI. E non pintaba sinxela a tarde porque o visitante fora o único equipo que vencera aos de Vincios nos dous partidos a tempada pasada. Un equipo aguerrido e moi ofensivo que non soubo aproveitar o seu momento no partido e marchouse goleado do Municipal de Gondomar.

O Celado esperaba acazapado na portería para saír en rápidas contras que complicaron ao local sobre todo no primeiro tramo do encontro. Con todo, case na primeira ocasión clara do local, Edu Rodríguez Pérez enganchaba unha volea ante a pasividade da defensa para “abrir a lata” (1-0). Pouco despois e con algo de fortuna o visitante chegaba ao empate (1-1) e ata ese momento, o marcador era canto menos xusto.

O partido volveuse trabado e ambos os dous conxuntos xogaban coa ameaza da sexta falta… Foi o visitante o primeiro en “pecar” e Álex Cabral subía o segundo despois dunha definición axustada en dobre penalti (2-1). Case sen tempo para dixerir o gol, Gabriel Denis Vasconcellos revolvíase do seu marcador e colocaba o terceiro de golpe baixo cruzado (3-1).

Descanso e xogadores a vestiarios. O Celado fora mellor en liñas xerais pero o Cereixa Gondomar estaba a ser moi efectivo para gol.

No complemento o partido cambiou e o local colleu as rendas do encontro para mover ao seu rival dun lado a outro. Unha boa xogada de Álex Cabral poñía a Gabriel Denis Vasconcellos en boca de gol para empuxar a pracer (4-1). O Celado adiantou a súa posición na pista e comezou a xogar ao límite do regulamento pero iso comporta un risco e a expulsión dun visitante deixou en bandexa ao Cereixa Gondomar FS o quinto; Edu Rodríguez Pérez atopou só de marca a Rubén no segundo pau que non perdoou (5-1). De aí ao final só houbo tempo para que Gabriel Denis Vasconcellos aumentase a súa conta particular; primeiro a pase de Álex Cabral e logo tras roubo en defensa de 5 para 4 (7-1).

Alegría no vestiario e a sensación de sacar adiante un partido complexo.

Anuncios