O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, anuncia unha nova rolda de visitas e reunións por todas as parroquias e barrios do municipio para dar a coñecer a xestión levada a cabo estes tres anos de goberno, expoñer os investimentos xa realizados e os que en breve realizaranse, así como recoller as inquietudes e necesidades dos seus veciños ao obxecto de planificar as necesidades e investimentos para o ano 2019.
Non é a primeira vez que o alcalde e os seus concelleiros realizan roldas polas parroquias para coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza, para despois levar a cabo un plan de choque e dar resposta ás súas reivindicacións, un principio fundamental que formaba parte do seu programa electoral. “Esta maneira de facer política, pegada ao veciño e cunha xestión personalizada e individualizada, casa a casa, e mesmo de maneira activa nas redes sociais, forma parte característica e indisoluble do noso goberno, non podemos entender a política municipal de outra”.
O alcalde considera necesario explicar aos seus veciños onde se gasta e onde destínase o diñeiro público, como está actualmente o PXOM, o transporte público, a recollida do lixo, o punto limpo, as axudas ao pequeno comercio, o turismo, a educación, o medio ambiente, a economía, deporte, cultura, formación e emprego e/ou o desenvolvemento do polígono industrial da Pasaxe, a mellora de viarios, saneamento, iluminación, benestar social, e moitas outras cuestións que desmenuzará lugar a lugar e cara a cara, explicando e someténdose ás preguntas que cada veciño considera de interese.
“O obxecto prioritario, é estar coa xente e dar resposta ás necesidades e reivindicacións dos gondomareños, que para iso estamos e fomos elixidos”, concluíu o alcalde.

