O gondomareño Joel Ribeiro proclámase subcampión de España Alevín

FOTO: CPA MAXIA // Unay Cereijo García e Joel Ribeiro Díaz no primeiro e segundo posto do podio respectivamente.

Unay Cereijo García, o patinador coruñés do CPA Maxia, conseguiu esta tarde en Santander o seu segundo Campionato de España consecutivo de Patinaxe Artística na modalidade libre de Alevín, tras o logrado xa o ano pasado na Coruña. Ademais, a súa medalla de ouro viuse complementada pola de prata de Joel Ribeiro Díaz (CPA Gondomar) na mesma categoría onde tamén participou Adrián Blanco Domínguez (CP Ribeira), que terminou décimo.

Nesta 68ª edición do Campionato de España celebrado no complexo municipal Ruth Beitia tamén hai que destacar os bos resultados logrados por María Grela Amor (CPA Maxia) e Paula Rey Pérez (CP Oleiros), quinta e sexta respectivamente en Infantil, intercambiándose ambas as posicións coas que partían do curto. Ademais, tras o programa de disco longo realizado na xornada de hoxe sábado 20 de outubro, Soraya Santos Gil (CPA Gondomar) mellorou a súa clasificación finalizando undécima mentres Sofía Costas Ibarra (CPA Gondomar) perdía tres postos e concluía décima.

En Alevín completaron un bo programa Martina Fernández Otero e Xiana Royo Castrelo, ambas as dúas do CP Oleiros. No que respecta ao resto de participantes galegos presentes en Santander, Diego Iñiguez Lodeiro (CP Axel Arteixo) cedía un posto en Infantil tras o seu programa longo terminando sexto á vez que Jorge Noya Ageitos (CP Ribeira) concluía duodécimo.

O GONDOMAREÑO JOEL RIBEIRO PROCLÁMASE SUBCAMPIÓN DE ESPAÑA ALEVÍN
FOTO: CPA MAXIA // Os patinadores galegos participantes no Campionato de España.