O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e o Concelleiro de Actividades Marítimas, Raúl Costas, reuníronse co equipo directivo do Club Náutico Bahía de Baiona para empezar a preparar a Asemblea Anual da Federación Galega de Clubs Náuticos. A revitalizada entidade logrou traer a Baiona o evento ao que acudirán todos os presidentes dos distintos clubs náuticos da comunidade autónoma, desde Ribadeo ata A Guarda, á Real Vila.
O rexedor e o edil mostráronlles a súa colaboración, o seu apoio e agradecéronlles o seu traballo por traer á vila a asemblea. Establecéronse os leitos de traballo e a colaboración para impulsar xuntos o evento, que converterá a Baiona en xaneiro de 2019 na capital dos clubs náuticos, unha oportunidade perfecta para xerar actividade económica e comercial. Serán dous días cheos de actos para celebrar a asemblea nos que se tratarán diferentes asuntos de relevancia para este sector.
Durante o encontro do alcalde e o concelleiro de Actividades Marítimas con representantes do club, tamén se analizou a posibilidade de aproveitar a repercusión que ten este evento para dinamizar desde o Concello outras actividades que favorezan a vinculación dos mozos baioneses co mar a través da Concellería de Actividades Marítimas.
Rodal e Costas sinalaron a firme aposta do Concello de Baiona por apoiar á entidade, que ten ao redor de cento cincuenta socios, todos eles propietarios de pequenas embarcacións deportivas de recreo que se rexen polos estatutos da 7ª lista. O club conta tamén co respaldo municipal acollendo reunións como esta, e con outras moitas accións que pretenden poñer en valor a pesca marítima recreativa, con importante presenza en Baiona e en toda Galicia, contan cun gran número de persoas que están a apostar por este tipo de actividade.
Para finalizar, o Club Náutico Bahía de Baiona agradeceu enormemente a boa vontade mostrada por parte do consistorio en colaborar estreitamente con eles.

