Anuncios
Ticker de novas

Máis de 150 especialistas en coloproctoloxía cítanse en Baiona

FOTO: JAVIER G. SEPTIEM // Xornadas Internacionais de Coloproctoloxía en Baiona.

Máis de 150 facultativos especialistas danse cita desde este mércores e ata o venres no Parador Nacional de Baiona con motivo das Xornadas Internacionais de Coloproctoloxía, organizadas pola Unidade do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI). A deste ano é xa a XXVI edición deste encontro internacional, que se celebra todos os anos na vila de Baiona.

Ademais dunha trintena de relatores de toda España, na presente edición participan oito especialistas internacionais, chegados de Portugal, Suiza, Austria, Brasil, Reino Unido e Estados Unidos.

“Nesta edición preparamos un programa que abarca a case todas as patoloxías e as cirurxías coloproctolóxicas, con especial protagonismo para as novas técnicas cirúrxicas, incluídas as robóticas, e dos manexos multidisciplinares na patoloxía de solo pélvico”, explica o doutor Alberto de San Ildefonso, integrante do comité organizador do evento.

Precisamente a Unidade do CHUVI ten en marcha un Gabinete de probas funcionais anorrectais no que se realizan estudos de solo pélvico.

700 cirurxías anuais

A Unidade de Coloproctoloxía do complexo hospitalario vigués, que depende do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestivo que dirixe a doutora Raquel Sánchez, conta con 10 facultativos especialistas e realiza cirurxías tanto no Hospital Álvaro Cunqueiro como no Meixoeiro, dependendo da complexidade de cada unha delas.

No Hospital do Meixoeiro lévanse a cabo cirurxías ambulatorias ou de curta estancia postoperatoria, mentres que no Álvaro Cunqueiro realízanse as máis complexas, a maioría delas oncolóxicas.

Os integrantes da Unidade realizan ao longo do ano unhas 700 intervencións, das que 400 son oncolóxicas.

XORNADAS INTERNACIONAIS DE COLOPROCTOLOXÍA EN BAIONA

FOTO: JAVIER G. SEPTIEM // Xornadas Internacionais de Coloproctoloxía en Baiona.

Anuncios