Sergio Lorenzo Ares gaña o certame de fotografía “Viaxando”

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // "Comeza a Viaxe" de Sergio Lorenzo Ares.

O día 8 de outubro reuniuse no Concello de Gondomar o xurado do certame de fotografía “Viaxando”, formado polo Alcalde, Paco Ferreira, a concelleira de Xuventude, Nuria Lameiro, e os fotógrafos Miriam Rodríguez, Pablo Banga e Hugo Lorenzo, propoñendo conceder o primeiro premio a Sergio Lorenzo Ares, natural de Tomiño, coa fotografía titulada “Comeza a Viaxe”.

Este certame foi creado no ano 2007 polas oficinas de información xuvenil dos concellos de Gondomar, A Guarda, Tomiño, Salceda de Caselas, Baiona, O Rosal e O Porriño e o Espazo Xove de Tui, sendo a Oficina Municipal do Concello de Gondomar a encargada da posta en marcha desta edición, na que participaron un total de 13 fotografías. O certame aposta pola creatividade e orixinalidade da mocidade plasmada nunha fotografía.

O día 19 de outubro ás 18:30 horas farase entrega do premio ao gañador, que consiste nun curso personalizado de fotografía, a realizar nalgún dos concellos organizadores nos tres meses seguintes do fallo público. Así mesmo, inaugurarase a exposición das fotografías que participaron este ano, que poderá visitarse ata o 9 de novembro na Casa do Concello de Gondomar. Despois rotará por todas os municipios organizadores.

XURADO DO CERTAME VIAXANDO
FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // O xurado xunto coas trece fotografías participantes no certame.