Anuncios
Ticker de novas

O persoal de ambulancias manifestarase este xoves en demanda dun convenio digno

FOTO: CIG // Protesta do sector das ambulancias no Álvaro Cunqueiro de Vigo.

A CIG convoca unha manifestación nacional do sector das ambulancias para este xoves 18 de outubro, culminando unha fase de mobilizacións nas diferentes áreas sanitarias galegas en prol dun convenio digno. Partirá ás 11:00 horas desde Vía Norte e rematará ante o edificio da Xunta, á que responsabilizan do conflito ao ter aceptado ofertas á baixa nas concesións.

Os traballadores e traballadoras levan meses mobilizándose en demanda dun convenio que permita recuperar dereitos e salarios; en rexeitamento ás pretensións dalgunhas empresas de aplicar modificacións substanciais das condicións laborais que suporían rebaixas salariais de case 400€ ao mes, máis carga de traballo e menos días libres; e para esixir que se cumpra co establecido nos contratos do SERGAS.

Neste contexto, a CIG critica a falta de implicación da Consellería de Sanidade no conflito do transporte sanitario, xa que a pesar de ser responsable principal da situación por aceptar ofertas á baixa e diante do deterioro que sufre este servizo público polos incumprimentos das empresas, continúa a “mirar para outro lado”.

Deste xeito, acusa a Consellería de ter as emerxencias e urxencias de Galicia nun estado deplorable, en continua precarización e deterioro, e co persoal mobilizándose en diversos ámbitos: no sector das ambulancias, na central de chamadas do 061 (en folga indefinida dende agosto) e nos PACs de todo o país, onde deron inicio a 12 xornadas de folga.

Na manifestación nacional de Vigo, que terá lugar ás 11:00 horas desde Vía Norte con final no edificio da Xunta, participarán tamén traballadoras/as dos PAC e das centrais de coordinación do 112 e 061.

Anuncios