Axega entregará ao GES do Val Miñor traxes de protección para a loita e control da vespa asiática

Dentro do marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 que ten dentro dos seus eixes reitores a dotación de equipamento para Protección Civil en materia de prevención e xestión de riscos derivados de catástrofes naturais e fenómenos relacionados co clima, co fin de garantir unha resposta eficaz fronte aos riscos producidos polos fenómenos da natureza, o Vicepresidente da Axencia Galega de Emerxencias, Luis Menor Pérez, e o Alcalde de Gondomar e Presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Paco Ferreira, asinaron un convenio de colaboración para dotar ao GES do Val Miñor de traxes de protección individual (EPIS) para a loita e control da vespa asiática.

“Ao longo destes últimos anos, o número de enxames da vespa velutina aumentou notablemente estendéndose por toda a comarca. Numerosas chamadas recíbense a diario dando parte dun novo niño que precisa ser retirado dalgunha vivenda, colexio, ou parque infantil entre outros lugares. Unha praga que supera os medios que tiñan os concellos para loitar contra ela. Hoxe en día, segue sendo fundamental mellorar os recursos que temos para combatela sen esquecer a seguridade das persoas que levan adiante este traballo”, sinalou Ferreira, que pide ao executivo galego que acheguen máis medios e recursos para poder facer fronte a unha praga sen parangón, reiterando que é unha competencia exclusiva da Xunta combatela, e a pesares, “son os propios concellos, asociacións e voluntarios quen están asumindo maioritariamente esta labor por falla de resposta da Administración autonómica”, conclúe o Presidente da Mancomunidade do Val Miñor.