A profesora Rexina Vega aborda “O bilingüismo de Cunqueiro” no VII Ciclo de Conferencias de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Capitanía Marítima de Baiona acolle este xoves 20 de xullo ás 20:30 horas a terceira charla do VII Ciclo de Conferencias organizado polo Concello de Baiona. Neste caso a relatora será Rexina Vega, profesora da Universidade de Vigo, para tratar o “Bilingüismo de Álvaro Cunqueiro”.

O VII Ciclo de Conferencias, enmarcadas na programación do Baiverán 2017, reúne a nove catedráticos e profesores de catro universidades españolas na Capitanía Marítima (Rúa Elduayen, 20). Todas as charlas se celebrarán os xoves de xullo e agosto no mesmo escenario e á mesma hora (20:30 horas) con entrada libre e gratuíta.

O escritor, enólogo e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Xavier Castro Pérez, foi o encargado de abrir o ciclo o pasado día 6 de xullo coa conferencia titulada “Historia do viño en Galicia”, e Aniceto Charro, catedrático emérito da Universidade Complutense de Madrid, falou a semana pasada de “Unha triada perigosa: obesidade, diabetes e colesterol”.

Ademais dos xa citados, este mes de xullo tamén pasarán pola Capitanía Marítima o profesor Carlos Pajares, catedrático de Física Teórica da Universidade de Santiago, ex reitor e ex delegado en España do CERN de Ginebra, que ofrecerá o día 27 a conferencia titulada “Os tres primeiros minutos do Universo”.

Xa no mes de agosto, o xoves día 3 o profesor Antonio Piñero, catedrático emérito de Filoloxía Grega da Complutense, ofrecerá a charla “Manuscritos do Mar Muerto, Gnosis e Cristianismo Primitivo”; o 10 de agosto será a quenda de José María Peláez del Valle, escritor e profesor titular da Universidade de Vigo, para impartir a charla “Unha personaxe de novela do século XIX: el Marqués de Salamanca”; o xoves 17 abordarase o tema “A reforma da Constitución” da man do profesor Francisco Bastida, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Oviedo; o día 24 estará na Capitanía o musicólogo Manuel López-Benito para falar de “¿Por que a sinfonía Heroica de Beethoven cambiou o mundo sinfónico? Audición e análise”, e o día 31 pecharase o ciclo coa conferencia de Fernando Bartolomé Benito, catedrático de Literatura Española, con “O ano do Conde Diego Sarmiento, Conde de Gondomar no seu IV Centenario (1617-2017)”.

Anuncios