Anuncios
Ticker de novas

“Oxalá ninguén teña que vivir o que nós vivimos… lonxe ou preto de Chandebrito”

Pasou 1 ano desde aquel 15 de outubro que o cambiou todo…! Eu terminaba a miña xornada laboral en Ourense, lonxe da miña familia e da miña terra… (Como tantas outras veces) Levaba meses así e tiña a necesidade de pasar un día con eles: e así foi como sen darme conta saqueinos do inferno!

Viñeron a por min, quedamos atrapados na Cañiza (a punto estivemos de quedarnos no túnel…) E foron os momentos máis eternos que recordo: o lume achegábase e o medo de ir pola nacional despois do que pasara en Portugal inmobilizounos por completo.

Vento en todas as direccións, caos, retencións, e de súpeto… Unha chamada: “Aquí arde todo! Arden os campos, o céspede, as casas… Non sabemos nada da avoa”.

E a calma que tentabas atopar durante horas cae ao chan, algo che rompe por dentro, ves aos teus pais abrazados dicindo: “co que custou todo!!” E pensas nos teus recordos feitos pedazos, na túa casa en chamas, en toda a xente importante da túa vida que está alí atrapada e ti sen poder facer nada, co medo a que o lume che alcance…

Pensas tamén no maldito Don diñeiro e en todos os intereses que hai detrás… pensas que todo é un noxo. Quen puido perder a humanidade e o sentido de tal maneira?

E hoxe, un ano despois penso que nunca nos recuperaremos do todo, que ese día marcounos para sempre… A min polo menos demasiado.

Por iso hai uns meses ocorréuseme poñerme en contacto con “Volando Voy” e despois de mails e máis mails e chamadas e máis chamadas… Fixéronme un pouquiño de caso! Entrevistando a persoas tan incribles como Eva Pérez Vidal (que creo que non hai persoa que exprese mellor o horror que se viviu e que cada vez que a escoito falar, desde a primeira vez… Fai que se me caian as bágoas) e ademais… Tamén protagonistas os meus avoiños (que son as persoas máis auténticas e entrañables q coñezo!!!).

E aínda que ao final tamén se coou algunha cousiña pasada de sensacionalista/fóra de lugar que para o meu gusto non vén a conto no programa… Creo que en xeral mereceu a pena contactar con eles. Oxalá sirva para concienciar a todo o mundo, oxalá remova conciencias e oxalá ninguén teña que vivir o que nós vivimos…. Lonxe ou preto de Chandebrito.

Por certo, é este domingo ás 21.30 en Catro.

Ana Pérez Pérez.
Veciña de Chandebrito e Concelleira do Concello de Nigrán.

Anuncios