Anuncios
Ticker de novas

Baiona acollerá un dos tres obradoiros de “Poesía e Mar”

“Poesía e Mar” é o título xenérico do ciclo de obradoiros que oferta a Deputación, en colaboración coa AELG, e que terán lugar en tres concellos da provincia co obxectivo, segundo explicou Xosé Leal, “de estender esta iniciativa polo territorio utilizando o mar como nexo común, para o que escollemos tres concellos correspondentes ás tres rías que temos na provincia”.

Así, o primeiro dos obradoiros terá lugar o sábado 20 de outubro na Capitanía Marítima de Baiona e estará impartido por Marta Dacosta; o segundo terá lugar o 27 de outubro no Museo da Salgadeira en O Grove e correrá a cargo de Antonio García Teijeiro; e o terceiro será o 10 de novembro no Estaleiro de Purro de Bueu e será impartido por Miriam Ferradáns.

Sobre a elección de espazos, nos que se buscou unha importante carga relacionada co mar, tamén se manifestou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, asegurando que “esperamos que os espazos elixidos inflúan dalgún xeito á hora de activar os procesos creativos que se perseguen nestas sesións e poidan ser utilizados como parte do obradoiro para axudar a sacar o potencial poético das persoas participantes”.

Marta Dacosta titulou a súa sesión “Palabras varadas” e solicita que cada persoa participante acuda cun poema seleccionado en lingua galega e no que o mar estea presente. O seu obradoiro ten horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas. Para participar no obradoiro, que conta con 25 prazas, as persoas interesadas deben inscribirse no enderezo info@aelg.org ou chamar ao teléfono 981 133 233 en horario de mañá.

Este ciclo de obradoiros sobre poesía complementa a colaboración que o departamento provincial de Cultura e Lingua ten establecido coa Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega neste Ano da Lingua, e que incluíu sete roteiros literarios que veñen de celebrarse, con grande éxito de participación, entre finais de agosto e comezos de outubro.

Anuncios