Anuncios
Ticker de novas

A última “DepoAndaina” do ano chega este domingo a Gondomar coas 300 prazas esgotadas

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

As “DepoAndainas” da Deputación de Pontevedra pecharán a súa terceira edición este domingo 14 de outubro coa celebración da ruta que percorrerá as terras de Gondomar. Nela participarán 300 persoas que esgotaron todas as prazas en menos de catro días.

Esta actividade, organizada pola institución provincial, consistirá nunha ruta de dificultade media e cun percorrido de 12,4 quilómetros que partirá do casco urbano de Gondomar para visitar algúns dos moitos atractivos do municipio do Val Miñor. Anteriormente, durante este 2018, as “DepoAndainas” xa percorreron As Neves, Moaña e Illas Cíes, o Castelo de Sobroso e a Serra do Candán, reunindo a 1500 persoas.

Esta última cita das “DepoAndainas” ten como punto de saída, ás 10.00 horas, o centro de Gondomar, desde onde a ruta discorrerá ata o paseo fluvial, no que se virará cara a Ponte das Ánimas seguindo o curso do río ata chegar á aldea de Rasas. Alí comezará unha subida que permitirá observar numerosos muíños ata chegar a Couso e a súa igrexa. A partir deste punto comezarase a baixada, seguindo os regatos e volvendo ao punto de partida.

Esta ruta ten como actividade complementaria un pequeno obradoiro sobre sendeirismo no que se explicarán as sinalizacións máis habituais, o seu significado, o grao de dificultade, como interpretalas e os consellos e precaucións a seguir á hora de facer unha ruta.

O principal obxectivo do programa “Depo Andainas” é a promoción do deporte e o turismo, poñéndose o foco, na edición deste ano, na posta en valor do patrimonio da provincia de Pontevedra. Así, a iniciativa da Deputación ofrece actividades gratuítas que impulsen hábitos saudables, pero que tamén promovan o territorio, promocionen o turismo e impulsen a preservación do medio ambiente da provincia. Neste edición, o protagonismo do programa recae nas actividades transversais asociadas ao patrimonio, coa intención de que os participantes poidan coñecer mellor a riqueza histórica, cultural e paisaxística da provincia.

Anuncios