A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo superou os 300.000 quilos de alimentos recadados este fin de semana no que se celebrou a súa quinta Gran Recollida Solidaria (GRS2017).
Aínda que a cifra de solidariedade recollida é totalmente provisional ata o reconto definitivo que levará a cabo as próximas semanas, para a ONG supón xa un éxito o repetirse a cantidade de comida da edición pasada, cando se bateron todas as expectativas previstas.
“Unha vez máis estamos emocionados ante a resposta masiva da cidadanía que sabe que hai persoas que o seguen pasando mal e achegaron o seu gran de area”, sinala o presidente do Banco de Alimentos de Vigo, Pedro Pereira, á vez que destaca a actitude máis que comprometida dos 2.000 voluntarios cos que contou e á súa cabeza máis visible, Carlota Corredera, pola súa entrega desinteresada co Banco de Alimentos de Vigo.
A presentadora de televisión estivo durante toda a xornada do sábado en Vigo e Pontevedra en dous supermercados Froiz. Durante a súa presenza en ambas as dúas cidades, agradeceu o labor de todos os voluntarios, “aos de sempre e aos que se apuntaron por primeira vez” e aproveitou para facer un chamamento a máis solidarios para que axuden nos labores de clasificación, despois da GRS2017. “Pídolles a todos, sobre todo, aos mozos que se impliquen porque haberá que clasificar moitos alimentos”, sinalou.
Alimentos de primeira necesidade ata primavera
Cos alimentos non perecedoiros recadados este fin de semana, prevese chegar ás 25.000 persoas ás que atende en toda a provincia, polo menos, ata a primavera de 2018.
Uns 155 hipermercados e supermercados de Vigo, Pontevedra, O Morrazo, Redondela, Porriño, Mos, Val Miñor, Baixo Miño, O Salnés e Deza se adheriron á campaña deste ano.
A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo, creada en 1995, é unha entidade benéfica independente, apolítica, aconfesional e sen ánimo de lucro cuxo principal obxectivo é axudar ás persoas máis desfavorecidas.
Durante 2016, a ONG repartiu máis de 2 millóns de quilos de comida (2.108.608 quilos), o que supón un 25 por cento máis que durante 2015. Xa nos seis primeiros meses de 2017, entregáronse preto de 1,2 millóns de quilos de alimentos na provincia de Pontevedra.

