Galaicosquad Val Miñor organiza a súa 1ª Galaicaintegración en Vilaza

Galaicosquad Val Miñor inicia a súa andaina como motoclub off road organizando a 1ª Galaicaintegración Val Miñor, un evento solidario para achegar a persoas con múltiples discapacidades ao mundo do quad e á natureza, no que conta coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello de Gondomar e a Comunidade de Montes de Vilaza.

Nesta primeira edición, que se celebrará este sábado día 13 de outubro no Centro Cultural de Vilaza, participarán seis centros, entre eles o Juan María de Parada, Bicos de Papel, Asociación Andaina de Redondela ou Down Vigo. O programa previsto comezará ás 10:30 da mañá coa chegada dos primeiros participantes, para ás 11:00 iniciar as rutas en quad polos montes de Vilaza, completando un percorrido duns 2,5 quilómetros.

Ás 14:30 celebrarase unha comida conxunta con todos os participantes no Centro Cultural para retomar as saídas en quad ás 16:00 horas. A xornada finalizará con múltiples xogos desde as 17:30 ata as 19:30.